 Cando aínda faltaban dous anos para que o ditador morrese en La Paz (que ironía!), na Galiza lanzábase unha noveliña intitulada A teima, unha obra de Carlos Durán publicada na vella colección Illa Nova da Editorial Galaxia; colección nada, por certo, hai agora sesenta anos.
Realmente e sen ánimo de desmerecer o devandito texto, coido que se trata dun conto longo antes ca dunha novela canónica, pois que o número de personaxes é mínimo, os escenarios descritos tampouco van alén duns poucos ?coa excepción dunha brillante evocación infantil onde a novela adquire unha categoría narrativa considérabel- e a trama é resolta de xeito monotemático.
O que resulta máis estraño é que en 1973 puidese ser publicado un texto que, sen reviravoltas nin metáforas, vén sendo un manual cangado de carraxe para a eliminación de caciques. Mágoa que corenta e catro anos despois continúe a resultar tan necesario coma pouco aplicado.
A primeira metade da narración pode chegar a resultar errática e mesmo tediosa, mais a situación é resolta nunha segunda parte, onde o autor concentrou recursos para gañar a atención do lector que, a pesar de todo, desexará desvelar o derradeiro parágrafo.
A presenza dalgún episodio onírico pode incluso achegarlle peso cualitativo a un texto, que por veces, mostra claramente a súa intención de novela psicolóxica; e a rentes das últimas páxinas, mesmo descubriremos trazos remotos do boom sudamericano.
Se hai unha imaxe descrita de forma maxistral en A teima, é a pasaxe da emigración e o retornado doente, onde a carga tráxica logrará conmover o lector máis impasíbel, evidenciando así a liñaxe familiar do autor, pois que o Carlos Durâo ?como se fai chamar na actualidade- procede dunha estirpe emigrante.
Esta especie de fábula pedagóxica foi ilustrada por Siro, nun tempo en que as novelas non renunciaban ás estampas entre as súas páxinas.
|