Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CANDO XOSÉ MANUEL CARBALLO VISITOU O MENCIÑEIRO EN LAGOA

Que no campo da festa se fale de teatro e que coincidan catro dramaturgos no recinto alumeado por lampadiñas de cores, non é frecuente; mais tal se viu na véspera do Día da Patria na parroquia de Lagoa, onde se representou O menciñeiro á forza, obra de Xosé Manuel Carballo, xermolada a partires da comedia de Moliére O enfermo imaxinario.
O teatro amador deu en imperar nos eventos sociais do Alfoz do Castrodouro desde hai tempo, e agora vén de xurdir unha iniciativa local, mesmo parroquial.
Non teñen nome –aínda- nin se consolidaron como grupo, mais xa lograron que o espírito de Moliére visitase a vella Lagoa das lendas –e toponimia- mariñas en terra valeca.
Cómpre, sen máis voltas, felicitar o grupiño de lagoeses que sacou adiante, con rigor e perseveranza, unha representación que pode durar ao redor das dúas horas, e que deu mantido a atención dun público ben variado, onde se podían atopar espectadores noveis e tamén habituais do patio de butacas.
Xosé Manuel Carballo, Pepe Peinó, Xesús Pisón e Manuel Lourenzo encontrábanse entre os espectadores desta obra que fixo renacer o teatro en Lagoa, de onde desaparecera desde os tempos das representacións relixiosas, coa excepción dunha peciña artellada o pasado ano para a participación da localidade nas olimpiadas parroquiais alfocesas.
Levamos falado profusamente nesta bitácora das teimas e vezos do teatro amador, non sen deixar de gabar as súas virtudes e funcións sociais, porén, vimos estes días unha das súas facultades máis abraiantes, lograr que se sume ao cadro actoral quen nunca asistiu a unha función teatral.
Quizais unha dicción descoidada nalgún caso e algunha pirueta idiomática fóra de lugar, son críticas inevitábeis a esta montaxe d’O menciñeiro á forza, que por outra banda supón unha versión local e mesmo localista por momentos, mais os méritos superan calquera eiva perdoábel nunha estrea condicionada polas incomodidades dun palco de verbena.
Se houbo un momento emocionante durante a representación da obra, produciuse cando o autor da adaptación galega, con evidentes problemas de saúde, falou en público para agradecer o convite e nomeadamente, para explicar a xénese d’O menciñeiro á forza.
Contaba, don Xosé Manuel Carballo, que Le médecin malgré lui fora estreada no mellor teatro de París, El médico a palos no mellor de Madrid, e O menciñeiro a xasteirazos (título inicial da versión galega) no mellor de San Martiño de Goberno, tal era a escola vella da devandita parroquia chairega.
O máis agreste auditorio de Lagoa vén de se converter en escenario teatral, oxalá supoña un inicio frutífero.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-07-2017 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal