Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MAUPASSANT RENACE NA PONTE LITERARIA DE 2017
Cada verao, en cada Ponte Literaria celebrada ás beiras do río que bautiza val, castro, veiga, granda e porto, xorden autores e títulos inesperados, e por veces descoñecidos. Tal lle aconteceu a quen levou un relato fantástico con aspectos metaliterarios, pois tras ler o texto, escoitou que a súa obriña tiña algo de Maupassant.
E resultou que don Guy de Maupassant non ten moitos lectores polas terras onde o río apadriña a topografía.
Esta tamén é unha das función das pontes literarias, eses encontros de amantes das letras que xa vai polo terceiro verao e as seis edicións.
Quen sabe se no futuro, como acto de desagravio, haberá que adicar unha Ponte Literaria ao legado de Maupassant. O caso é encontrar escusas para se xuntar, ler e debater; porque o paso previo, sempre será a escrita. Velaí o segredo, eis a pulsión motriz.
Desta volta, o conciliábulo tivo lugar en Vilaúde, onde a parroquia de Mor se fende para unir Mondoñedo e Viveiro cunha ponte que noutrora chamaron a Ponte Nova, e que actualmente, xa vella e convertida en monumento, conta cunha filla de formigón, quen continúa outorgando paso aos tres vales cara ao Cantábrico máis setentrional.
O público medra aos poucos, os autores consolidan a cita nas súas axendas e os medios mostran unha gran curiosidade por un acto que, en aparencia, podería resultar elitista, mais é sinxelamente culto.
Se houbese que salientar unha das intervencións, estariamos abordando unha tarefa imposíbel, xa non pola calidade dos textos, senón polo compromiso de quen elaboraron unhas páxinas pensando no encontro. Así e todo, Isaac Ferreira gañou a baza grazas a un poema radicalmente valadourés, e o factor local sempre é profeta na terra das pontes literarias.
A composición ofrecida por don Isaac (quen foi coordinador da revista Casahamlet até a extinción da publicación), supuxo unha auténtica panorámica poética da tradición oral do Valadouro. Ben sabido é que este compilador minucioso, encóntrase entre os tres meirandes coñecedores da mitoloxía valeca.
Á Ponte Literaria os “fieis” achéganse para recoller e tamén para doar, de tal xeito que a mesa principal vai sendo tapizada cada día con máis libros. Volumes que os antigos propietarios desbotan por diferentes motivos, e que nestes encontros literarios atopan lectores adoptivos.
As calexas do cigurath de Xavier Carro e A teima de Carlos Durán, foron as miñas adquisicións do pasado xoves; ambos os dous títulos pertencen á mítica colección Illa Nova da Editorial Galaxia; estamos a falar, xa que logo, de exemplares publicados no inicio dos ’70… Pura arqueoloxía bibliográfica galaica.
Quen non coñece as terras do Douro (o do Xistral e o de Fazouro), nunca gozou dunha Ponte Literaria, malia que coñeza a Maupassant.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-07-2017 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal