Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PRACER SOLITARIO?
Escoitei hoxe nun informativo unha definición inquietante da lectura: pracer solitario.
A nova viña ao fío dun encontro do escritor Riveiro Coello con lectores mozos, e a redactora, ao tempo que narraba o contido, sinalaba os clubs de lectura como vía de socialización para un exercicio que teimaba en nos mostrar case, como experiencia íntima.
Coido, que se estaba a confundir unha experiencia individual cun pracer solitario, pois que no momento en que o lector interpreta un texto que o autor -ou autores!- enxeñou para ser difundido, a soidade fica esconxurada.
É ben certo que algúns lectores precisan currunchos silenciosos ou un mínimo recollemento para tiraren todo o proveito das páxinas dun volume, mais iso non está emparentado coa soidade senón coa concentración.
Non só os clubs converten en social a experiencia da lectura; lecturas dramatizadas, recitais, lecturas públicas… unha boa gama de encontros “letrados” ofrece diversas maneiras de ler en común, e de outorgar á lectura unha función colectiva que nunca deixou de ter.
Non din que todo autor escribe porque desexa expresar aquilo que aínda ninguén lle escoitou? Velaí temos.
Un libro é un altofalante cuxa mensaxe percibimos, normalmente, de xeito individual, para interiorizarmos mellor o contido e estendelo máis tarde, consciente ou inconscientemente, na comunidade; pois somos o que lemos e o que deixamos de ler.
Un bo exemplo disto que vimos de explicar constitúeo a Ponte Literaria, experiencias sinxelas que cada verán chegan ás beiras do río Douro (o do Xistral e O Valadouro), auspiciadas por un grupiño de letraferidos.
Trátase dun colectivo romántico que sente nostalxia dos conciliábulos byronianos a rentes do lago Léman, e nalgunhas tardes estivais, congrega outros bibliómanos para compartiren creacións e debateren sobre elas. Sempre a carón dunha ponte.
Xa que logo, pracer si, solitario non. En todo caso, persoal.
O lector, por outra banda, comenta con outros lectores, comparte, recomenda, empresta, critica, e seguramente, non hai dúas lecturas iguais, pois cada persoa achará interesante aquilo que fai vibrar os seus anceios, os episodios que transcorren en paisaxes coñecidas ou areladas, as ficcións que asocia a vivencias persoais ou a experiencias xamais vividas… Cada lector é un mundo, interconectado, coma todo.
Adoita repetirse nas campañas de fomento da lectura un lema que xa me resulta un chisco rallante, Un libro é un amigo; agreguemos outra afirmación categórica: Os libros axudan a facer amigos.
Vémonos nas pontes literarias.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2017 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal