Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PSEUDOALÓFONAS E ANAGNÓRISES
Non é habitual comezar a falar tan cedo do autor (autora neste caso) ao que se adicará o Día das Letras Galegas do vindeiro ano, nomeadamente cando o remol dos fastos da presente edición aínda fumegan. Porén, as evocacións non entenden de calendarios.
Para min, María Victoria Moreno significa Anagnórise; non porque un padeza de visión reducionista verbo da escritora, senón porque a lectura da devandita obra, supuxo, no seu tempo, a resolución dunha materia pendente.
Ocorreume con Anagnórise, o mesmo ca con E agora cun ceo de lama, de Paco Martín, Xa vai o griffon no vento, de Alfredo Conde ou Unha árbore, un adeus, de Marina Mayoral; todos catro supuñan nos ’90, títulos de lectura obrigada nos plans de estudo galegos, plans aos que os fillos de estirpes emigrantes eramos alleos. Este factor propiciou, non obstante, o encontro temperán con outros sistemas literarios.
Non cumprín a débeda coa obra de Paco Martín, pois o título sinalado non deu chegado –aínda- ás miñas mans, mais lin a novela de Alfredo Conde e por suposto, gocei de Anagnórise.
Grazas aos recordos enteados por este artigo, veño de tomar da miña biblioteca Unha árbore, un adeus, e sen tardar abordarei a novela da mindoniense; un libro que, incomprensibelmente, permanecía virxe no meu andel dos clásicos galegos.
Recordo ter chegado á novela de María Victoria Moreno a unha idade nada desemellante da dos estudantes que a leron por imperativo académico, cargado eu naquela altura, de tarefas idiomático-culturais por cumprir.
Desexo ser honesto e non vou afirmar que lembro con claridade o argumento da devandita narración, xa que debe haber máis de dúas décadas que experimentei a súa lectura. Apenas desamor, quilómetros de estrada e un namoro inesperado, veñen ao meu recordo.
Daquela, quen isto conta, lía relixiosamente, toda obra en lingua galega que se cruzaba no seu camiño, fose boa, má ou regular; e Anagnórise non era das más.
Dona María Victoria é un bo exemplo do profesional que chega á Galiza e adopta a cultura local de xeito instintivo, sen se deter a considerar o nivel de aceptación ou o número de “usuarios” a nivel planetario, pois que a cultura, a lingua ou a identidade, non se miden en individuos; sinxelamente, particípase delas ou contémplanse desde a distancia.
Para 2018, celebraremos as nosas letras evocando unha autora que nin naceu, nin medrou, nin, desgrazadamente, puido “envellecer neste grande reino que chamamos Galicia”, pois a morte levóunola tendo moito por contar aínda.
A autora de Anagnórise, A festa no faiado, O cataventos ou Guedellas de seda e liño, era cacereña, e non gustaba de ser considerada alófona, pois alegaba unha sorte de renacemento persoal na lingua do país que a acolleu.
É curioso que este fenómeno se dea profusamente en intelectuais (Xusto Beramendi, Marilar Aleixandre, Xavier Alcalá, Manuel Sánchez Gálvez…) e en cambio, non se mostre tan fértil noutros sectores. A culpa, coma case sempre, é nosa, dos que habitamos o país e carecemos do ímpeto preciso para mostrar a nosa cultura de xeito atractivo e accesíbel, e tamén como premisa irrenunciábel. Mea culpa.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2017 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal