 Ler a única obra poética de Roberto Blanco Torres é unha experiencia que adiei desde 1999, o ano en que se lle adicou o Día das Letras Galegas.
O volume no que me deleitei foi publicado para a ocasión coa colaboración do Concello de Viveiro, entidade que figura na contracapa dunha edición que contou coa contribución erudita de Miro Villar, quen ofrece ao lector unha extensísima introdución con ?Perfil bio-bibliográfico?, ?Xénese e historia editorial? ou ?Métrica e recursos estilísticos?, por exemplo.
Completa edición, nomeadamente, para os estudosos dunha época en que os poetas morrían baixo o fogo dos fascistas analfabetos, casemente, coma en todas as épocas da historia.
Encontraremos na poesía de Blanco Torres unha sorte de protoambientalismo, gozaremos dunha terminoloxía cultísima e descubriremos unha rotunda vixencia de inquedanzas e preocupacións.
Tan pouco temos mudado nestes noventa anos?
O diagnóstico social e as solucións suxeridas son as de hoxe, pois que, o poeta ocúpase do que se ocupan todos os poetas, e tamén do que conmove e promove os activistas.
Executa tentativas, o autor, por escribir no que hoxe chamariamos galego reintegrado, e tal sensibilidade xa nos indica por que cauces navegaba o pensamento do malogrado patriota.
Transmite don Roberto un compromiso firme co propio e inmediato; e percibiremos, ben seguro, unha inxección de calidade na segunda parte do poemario, persoalmente da que máis gocei.
Unha curiosidade: a edición á que nos referimos trae un agasallo, un marcapáxinas da Delegación de Cultura do Concello de Viveiro; non é má idea que os concellos colaboren cos lanzamentos editoriais, nomeadamente nuns tempos en que vemos malbaratar fondos en trangalladas e orquestras paifocas.
|