Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MANUAL PARA A PROLONGA PREMEDITADA DO 17 DE MAIO
Se cadra, cumpriría empezar aceptando unha mudanza na mensaxe que entidades e galegos a título persoal levan difundindo desde hai décadas.
A vella proclama cultural animando ao emprego da lingua galega para que esta non se extinga deixou de ter sentido na Galiza actual. Debemos dispor da frialdade suficiente para decatarnos de que tal argumento non vai lograr conmover a centos de galegos que hoxe contemplan a lingua vernácula como unha rémora fermosa para cantigas e contos de lareira.
Unha mensaxe que na actualidade pode chegar a activar os resortes da das conciencias galegas é a que tire a venda dos ollos de todos aqueles galegos que, inxenuamente, dan por suposto que o código lingüístico empregado por eles é o castelán.
A porcentaxe de castelanfalantes na Galiza é baixísima, mesmo testemuñal. Realmente, o que falan eses cándidos galegos é unha hibridación, unha mestura cuxa aliaxe conserva altas cantidades de elementos idiomáticos galegos.
Por iso escoitamos excrecencias da caste de: Te tienen buena duda, pensé que no daba llegado para cubrir el impreso ou a famosa frase dun xornalista galego polas cociñas de “España Directo” (TVE): Cogemos la pota.
Todos, sintagmas aberrantes que carecen de sentido alén dos lindeiros do ámbito cultural galego. É dicir, tales expresións resultarán totalmente incomprensíbeis en Sevilla, Zaragoza ou Madrid, máis incluso que se falásemos en galego, catalán ou éuscaro, pois que non sería difícil dar con persoas coñecedoras dalgúns destes idiomas oficiais.
Xa que logo, o drama (un deles) radica en que unha boa parte da poboación galega xa non fala ningún idioma concreto.
Traio esta reflexión até aquí (unha bitácora literaria) porque o 17 de maio vén pretendendo unha misión ambivalente: a reivindicación, non só do valor da literatura en galego, senón tamén a defensa do uso e dos dereitos da lingua da Galiza.
Serve de algo o Día das Letras Galegas? Serve. Para gañar lectores, para divulgar títulos, para fomentar debates e artellar clubs de lectura, para que os escolares escriban versos e canten rap… Para que os libros entren nas nosas vidas coa dose de anestesia exacta, esa que algúns precisan antes de se achegaren á literatura.
Un pode aproximarse á arte das letras como usuario, como produtor, como traballador, como comercial ou como curioso, e mesmo como visitante ocasional, mais o 17 de maio non ten desculpa para pasar sen saudar; o 17 de maio se camiñas preto dun libro, con vergoña ou sen ela, faraslle un aloumiño, e quen sabe, se cadra ese encontro supón unha amizade para a vida.
Agora, cómpre que desbotemos o carácter anual da celebración, alongándoa. Todo o que se fai un 17 de maio pode facerse o resto do ano. Falar, ler, escribir, escoitar, pensar, exixir e debater.
Algúns, moitos, temos escollido conxugar todos estes verbos en galego; xa non por ideoloxía, xa non por dignidade, xa non por honrar os devanceiros; sinxelamente porque xamais quixemos elixir entre Rosalía e Gloria Fuertes, e con toda normalidade optamos polas dúas; pola da casa e pola de fóra.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-05-2017 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal