Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MONDOÑEDO, CAPITAL LITERARIA DA GALIZA
A Xulio e Margarita,
sentinelas dos encontros fermosos; poetas ao cabo.


Non ten por que ser a única, pois que estamos a falar dunha cultura –a nosa- cun sistema literario sólido e fértil (tamén hostilizado e menosprezado, pois que neste país a contradición agroma fecunda); mais, no inventario de localidades ineludíbeis no calendario de citas literarias, Mondoñedo está a se situar, desde hai tres anos, nos máis altos postos.
Ben sabemos que non é a primeira vez que o “Mondoñedo é poesía” ocupa un oco nesta bitácora, mais ano tras ano o evento literario non cesa de medrar e a cita faise merecente de novas gabanzas, gañando, así mesmo, amplos espazos en medios de comunicación, tanto especializados como xenéricos.
Alí estaba a flor do sabugueiro de Manuel Rivas, a teima contra as gaivotas dos Trioliro Regueifeiros, a voz ancestral de Paloma Suanzes, o arrouto de Chema Merino, a reivindicación do legado de Urraca na palabra de Marta Dacosta, as interpretacións poéticas (auténticas dramatizacións) de Marina Oural e de Eva Veiga, a pel de galiña nos beizos de Miriam Ferradáns, e moita arte e moitos versos, e a perseveranza dos da casa. Non podemos obviar o eloxio anual á teimosía do colectivo Mondoñedo É, un grupiño de titáns que está a converter Mondoñedo na meca da poesía galega.
Mais desta volta, unha oportuna coincidencia fixo que o sábado 29 e o domingo 30 as rúas da cidade fosen ocupadas por ducias de “camiñantes literarios”.
Tratábase do roteiro Álvaro Cunqueiro e o Mondoñedo literario, promovido polo Centro Autonómico de Formación e Innovación e guiado polo investigador Armando Requeixo, quen máis tarde, xa no propio evento poético, sería o encargado de ilustrar os asistentes acerca da figura de Eduardo Lence-Santar, escritor que era nomeado cronista oficial da cidade hai agora cen anos.
O devandito roteiro serviu, dalgún xeito, para que moitos dos que agardamos polo 1 de maio como polas ánimas (porque deixou de se escoitar este dito?), nos sumásemos de maneira libre á peregrinación cunqueirá polas rúas da cidade; facendo boca para a cuarta edición do “Mondoñedo é poesía”.
Cando nomeamos o “Mondoñedo é poesía” non estamos a falar dun acto simbólico senón dun programa que mantén activo o interese do público durante cinco horas, un público que cada ano marcha cun agasallo, desta volta unha reprodución daquela antiga publicación mindoniense denominada Papel de Color. Non nos referimos, xa que logo, a unha cita solventada cunhas chamadas a uns cantos autores amigos; estamos a describir un acontecemento que reúne poetas consagrados e poetas que casemente non posuían o don da palabra cando naceu “Mondoñedo é poesía”, autores con exemplares nas librarías e persoas que mostran a súa destreza poética por vez primeira.
No encontro que vimos de gozar recitan autores de todas as idades, estilos e tendencias; en plena rúa e tamén baixo teito; xa o dixemos, non é un acto para encher horas mortas, supón toda unha convención da palabra poética.
Dito queda: A capital da antiga provincia de Mondoñedo é hoxe a capital da literatura galega.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2017 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal