Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LLEGINT EN CATALÀ LES MEMÒRIES D'INFANTESA DE LA FELIU
Nestes tempos en que tanto se fala de Catalunya, dos cataláns e mais dos seus plans de futuro, quixen sumarme á cohorte de observadores; desde o compromiso.
Si, practicando a inmersión nunha lingua que achei ben máis próxima do que xa supuña.
Chega con posuír algunhas nocións de dous ou tres idiomas románicos para que a lingua dos països catalans se revele ante nós sen problema ningún.
Núria Feliu (Barcelona, 1941) é unha cantora de sona no ámbito cultural catalán, unha muller nada en Sants –ela recorda o devandito barrio constituíndo unha vila allea á cidade- e orgullosa da súa orixe; por iso mesmo e para narrar a súa nenez, lanzou a finais de 2015 Dies i records d’infantesa, unha crónica da memoria dos primeiros anos e vivencias. O contido na súa totalidade transcorre en eidos periféricos, en todos os sensos.
A posguerra comportouse con Sants coma co resto de poboacións do Estado, aínda que con algunha peculiaridade: O réxime fascista combatía os sinais de identidade nacional cataláns, a miseria dos anos ’40 condicionaba a vida cotiá, e o franquismo –bébedo da sangue aínda quente-, trataba de substituír os elementos culturais vernáculos por unha entelequia pseudohispana. Tratábase de propalar e impor a consabida chambonada “cultural” artellada nas cloacas do nacionalcatolicismo; mais Catalunya non se dobregaba. Eis a peculiaridade capital.
É memorábel o fragmento onde a autora describe a felicidade con que se viviu no seu ámbito familiar a derrota da selección española de fútbol (“la selecció dels espanyols”) no ano 1954. E non será esta a única ocasión en que Núria Feliu mostre ante o lector a súa ideoloxía.
Ara Llibres é o selo que publicou este volume de memorias, que non biografía, pois dona Núria continúa loitando a prol do seu pobo co instrumento máis potente que posúe, as cordas vocais; e ademais, fica ben claro no título que unicamente se relatan as idades tenras.
Se algo podemos aprender deste testemuño, é a sacudírmonos ese servilismo que algúns pobos adoptaron como escudo e que outras nacións xamais contemplaron, precisamente polo alto risco de autodestrución que comporta a devandita actitude.
“Aixecar el país era possible. Cantar el país era necessari.”
E teu dito meu feito.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2017 11:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal