Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

GOZANDO O DÍA DO LIBRO EN BERTAMIRÁNS

O Concello de Ames artellou, o sábado 22, un evento de nome fermoso para conmemorar o Día do Libro; Literatura na praza.
Literatura na praza é unha cerimonia de entronizamento do libro, da escrita, da lectura e, en definitiva, de calquera actividade xermolada en úteros literarios.
Cheguei até a localidade de Bertamiráns após terme convocado o Servizo de Normalización Lingüística municipal. Ía ter lugar a presentación do volume cos textos gañadores do XIII Certame Literario do Concello de Ames, e debía estar presente para ler un fragmento de A mortalla do demo.
Era mediodía e o acto non comezaría até as cinco da tarde, había tempo para pasear e coñecer a hostalaría local. Foi así como me decatei, na Praza da Maía, de que un banco público estaba ocupado por varios libros.
Non era o posto improvisado dun libreiro ambulante nin o froito das présas dun lector desprecatado; tratábase dunha iniciativa institucional.
A Deputación da Coruña, o programa Ler conta moito e mais o Concello, “conspiraran” para que os transeúntes namoraramos dalgún volume “esquecido” sobre o mobiliario urbano.
Sen custos nin compromisos, os viandantes puidemos fornecérmonos de poesía –tal foi o meu caso-, de ensaio, de narrativa…
Tratábase, sinxelamente, de dar acollida a un libro; un libro emancipado por entidades públicas en plena rúa. Toda unha incitación, todo un exercicio pedagóxico, un regalo superior… Isto, créanme, ten moito de exaltación da liberdade: espazos públicos, cultura á disposición do pobo de xeito gratuíto… As letras tomando as rúas!
De feito, os libros portaban un colante marcapáxinas co lema “Libros para sermos libres”. E no respaldo do banco, un tentador cartel proclamaba: “Estes libros son un agasallo”.
Mais non era algo restrinxido ao banco que chamou a miña atención, pois aquela literatura micótica inzara no resto dos bancos da praza.
Chegou a tarde e dirixinme ás carpas instaladas na Praza do Concello.
Postos de venda de libros e tamén de intercambio, obradoiros de marcapáxinas, teatro, recitais… xa o dixemos, unha cerimonia de exaltación das letras; o rito dos pobos cultos, avanzados, civilizados.
Lemos anaquiños dos nosos textos, coñecemos as creacións dos outros autores –de idades diversas e procedentes de diferentes puntos do país- e recibimos un ramalliño de flores.
E todo en galego, coa normalidade agardada e cultivada por quen escribimos na lingua de Bertamiráns, de Ortoño, de Lens…
Bravo polo Concello de Ames!

LIONEL REXES

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2017 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal