Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TEATRO POPULAR VS TEATRO CULTO?
O 16 de abril presentouse no Alfoz do Castrodouro Vinte obras de teatro afeccionado, a segunda publicación de Pepe Peinó, quen exerce a docencia no devandito municipio desde hai un cuarto de século.
A mañá do domingo acabou supondo unha homenaxe ao eido dramático, mais tamén significou a abertura dun debate que levaba anos latente entre persoas do eido cultural local: É preciso escribir comedias, indefectibelmente, cando o teatro vai destinado a un público sen formación superior?
Na mesa principal estaban, ademais do autor da obra recén nada, o dramaturgo Manuel Lourenzo, o cineasta Matías Nicieza e o actor local Cachín.
E a “controversia” xurdiu espontaneamente, avivada polos consellos velados do cineasta e mais o dramaturgo (quen resulta ben explícito no prólogo de Vinte obras de teatro afeccionado), moi interesados en descubrir unha outra faceta dramatúrxica de Peinó.
A cuestión radica –e isto é unha mera reflexión persoal- no hábito que os axentes teatrais (autores, actores, grupos, departamentos municipais de cultura…) poidan estar a inocular nun público que vai ao teatro –unicamente- cando se acenden as luces do centro social da localidade.
Con todo, non sería teorizar o obxectivo principal do evento, senón a presentación dunha obra de obras, un volume de 989 páxinas que recolle parte do traballo dramatúrxico dun escritor incansábel, dun dinamizador cultural que non só escribe; tamén dirixe, actúa, xestiona, cohesiona e artella.
Pepe Peinó é unha institución cultural en si mesmo. Dicir teatro no Valadouro é facer referencia á súa persoa, mais tamén dicir cinema, e proxectos culturais municipais, e radio, e outras iniciativas que non terían xurdido sen contar co seu impulso emprendedor.
Raiolas, A Maseira, Trípode, O Centiño… Son nomes de colectivos teatrais onde Pepe Peinó achegou ou achega os seus textos e todo o seu esforzo. Pois que falamos, non só dun home creativo, senón dun traballador comprometido. Goza arrolándose polo escenario e non rexeita apeitar cos decorados; produce textos a velocidade vertixinosa e se as subvencións non dan chegado achega diñeiro do seu peto. O que for preciso para que o espectáculo continúe. Si, un imprescindíbel.
Polifacético é un dos adxectivos que lle acae perfectamente ao noso Pepe; soamente un deles, porque se falamos de calidade persoal non chegaría con bondadoso, solidario, leal…
Si, claro; cando se fala dos amigos nunca se é obxectivo, mais Peinó logra opinións unánimes ben semellantes á do parágrafo anterior. Recolle o que sementou. Amizade.
Regresemos á presentación do día 16. Resultou tremendamente interesante a intervención de Manuel Lourenzo, quen retornou á orixe do teatro para nos falar das máscaras mortuorias coas que naceu o oficio da interpretación, pois que esas carautas míticas que hoxe chamamos Comedia e Traxedia, un día foron de cera e estiveron emparentadas coa tanatopraxia.
Xa dixemos que non se trata dun libro pequeno, e para o facer máis grande (en todos os sensos), aparece fornecido con deseños de Xosé Blanco, quen ilustra desde hai anos boa parte da literatura que abrolla no Valadouro.
Mais nun acto artellado por Pepe Peinó non podía faltar unha representación teatral, e desta volta, gozamos de tres. A ocasión merecíao.
Escolléronse pezas tiradas de obras incluídas no libro presentado, interpretadas por actores e actrices de varias épocas, e onde o propio autor non renunciou a un papeliño.
Ars dedicandi.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-04-2017 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal