Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA PRESENTACIÓN EN VILAMOR
Que a Casa da Penela é un espazo con vibracións literarias é algo que está a ficar claro nos últimos tempos. Por iso e por moitas outras razóns, entre os seus muros de pedra antiga tivo lugar a presentación de El humo del diablo.
Esta obra, do xornalista Fernando Salgado, é unha crónica con argumento biográfico e feitío de libro de memorias. Porque o autor, conviviu varios meses coa persoa que cedeu o seu testemuño para nos arrepiar.
El humo del diablo narra un descenso; máis cós infernos ás cloacas do límite humano, a eses recantos escuros onde habita a maldita facultade para comerciar con vidas, vontades e dependencias, e por riba de todo, á capacidade de resistencia deses individuos que parecen gozar das famosas sete vidas felinas.
Os territorios polos que discorre El humo del diablo son xeografías extremas, latitudes onde a existencia se torna incompatíbel coa habitabilidade e cada minuto supón unha batalla contra os elementos. Mais neste caso, a cuestión non radica nun clima adverso nin na hostilidade dunha paisaxe de neves perpetuas; El humo del diablo é unha viaxe ás ensullas dos labirintos da cobiza, ao miolo desas leprosarías que o bazuko propiciou en Bogotá, desde o momento en que as organizacións de narcotraficantes se viron obrigadas a procurar un mercado interior, pobre e pouco exixente, despois de que Europa e Estados Unidos dificultaran a entrada masiva de estupefacientes desde Colombia.
Se temos afirmado, en infinidade de ocasións, que a historia do pobo galego favoreceu unha sorte de rede de embaixadores polo mundo adiante, tamén neste caso veremos como é un compatriota noso quen nos leva da man polas espenucas da degradación humana.
José Antonio Iglesias Prieto coñeceu in situ aqueles vertedoiros de seres humanos condicionados pola adicción; mais este galego de Portonovo non é médico, policía ou reporteiro. Foi, sinxelamente, un protagonista, unha vítima.
A crónica está redactada en primeira persoa, lucindo os modismos propios do castelán de Bogotá; mais trátase da voz de Iglesias Prieto emprestada á pluma de Fernando Salgado.
A presentación que tivo lugar o 1 de abril na Casa da Penela, en Vilamor (Mondoñedo), foi auxiliada cun documental de vinte minutos de duración, grazas ao que se pode observar o José Antonio posuído polo fume do diaño e mais o José Antonio rehabilitado.
Tras a proxección do vídeo, é o autor quen se dirixe ao público para matizar todas aquelas cuestións que o documental non dá apreixado.
Salgado leva celebrado máis de vinte presentacións da obra e a experiencia percibiuse no completo e estruturado evento de Vilamor, onde o xornalista estivo flanqueado por Fernanda Cedrón Trigo (neta de Luis Trigo Chao, o mítico Gardarríos) e Xulio Rodríguez Leiras (activista cultural mindoniense).
Se o documental deixa o público co estómago encollido (e ao mesmo tempo con pouca gana de experimentar con substancias dubidosas), a narración oral exposta por Fernando Salgado non resulta menos contundente; non esquezamos que estamos a falar do delegado do Diario de Pontevedra no Salnés, e o oficio delátase en cada referencia, na disposición do relato e nos datos ofrecidos.
A obra foi prologada (en galego) polo polifacético Calros Solla, e desde logo, o texto abre o volume con todas as honras e mestrías propias dun experimentadísimo autor.
Fernando Salgado non deixou pasar a ocasión para explicar por que optou pola autoedición (do mesmo xeito ca en Elefantes y Hormigas, obra publicada en 2013), aducindo que cando un título non dá funcionado ben no mercado nun primeiro momento, a editora inhíbese e o devandito libro desaparece dos andeis; no entanto, unha autoedición é xestionada e defendida polo autor día a día.
Deberán tomar boa nota os axentes implicados na edición, pois que na actualidade, non só a autoedición, senón multitude de proxectos editoriais que venden os seus servizos a través da Rede, poden chegar a comerlles as papas na cabeza a certos selos consolidados.
E como rematou o evento da Casa da Penela? Cunha cea, onde non só se falou de literatura.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-04-2017 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal