Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NACIÓN DE JÓN KALMAN
Alén de controversias ideolóxicas e posicións políticas, convén reflexionar sobre a afirmación realizada polo escritor islandés Jón Kalman Stefánsson hai uns días, nunha entrevista ofrecida ao programa Página Dos da TVE.
Interrogado sobre o gran valor que os islandeses outorgan á súa literatura, o autor veu afirmando que o pobo islandés, certamente valora moito as súas letras, pois é consciente de que se non gozase dun idioma de seu, Islandia non sería unha nación.
Xa que logo, segundo Kalman, tal é o motivo polo que a arte literaria forma parte da vida cotiá dos islandeses.
Ben sei que este razoamento non é o máis acaído para empregar como argumento cultural na nosa sociedade (pasividade secular, individualismo, autoodio…); con todo, reflexionemos.
Por riba de debates puramente políticos, non estaría mal que os galegos, independentemente das siglas que enchan os nosos ollos, tivésemos en conta uns factores identitarios que outros pobos aprecian e que nós, en ocasións ignoramos; cando non son considerados unha pexa para o progreso.
Se reproducimos uns datos sobre Islandia, veremos que a “terra do xeo” existe como comunidade humana diferenciada por decisión propia, máis ca polo seu peso específico no ámbito europeo.
300000 habitantes, unha economía baseada na agricultura e a pesca até finais do século XX, un estado soberano con 73 anos de existencia… É dicir, estamos a falar dun “novo país”, alicerzado nunha cultura antiquísima e nunha vontade construtivista fóra de dúbidas.
Galiza (si, porque a fin de contas non era a nosa intención alentar un estudo sobre o milagre cultural islandés), podería chegar a se converter nunha potencia cultural, asentándose como ponte entre ámbitos cos que a súa historia e a súa identidade a emparentaron.
Referímonos, fundamentalmente a dous factores: Emigración e lusofonía.
E agora, como estamos en Vasoiras de xibarda, debemos regresar á literatura, sen abandonar o fío que nos trouxo até aquí.
Os libros publicados por selos editoriais da Galiza, acaban por se consumiren en varios países americanos onde os galegos conservan un tecido asociativo considerábel; circulan ao mesmo tempo por toda Europa debido a razóns semellantes e tamén a causa dos fluxos migratorios desenvolvidos nos últimos anos; manteñen igualmente un mercado importante noutros territorios do Estado español, onde a presenza galega continúa a ser numerosa, ou onde o feito diferencial non supón unha extravagancia senón un atractivo.
A lingua galega deu orixe ao idioma que empregan ao redor de 250 millóns de falantes baixo a denominación xenérica de portugués. Xa que logo, a comunidade galegofalante conta cun código de comunicación empregado no Brasil, en Moçambique, en Cabo Verde, na chinesa Macau, na hindú Goa, nas caribeñas Bermudas, nas Guinés africanas e en moitos outros territorios do planeta. O portugués é ao mesmo tempo, lingua oficial de varios organismos internacionais (UE, Mercosul, Banco Interamericano de Desenvolvimento, OEA…), e non esquezamos que a Comunidade Autónoma Galega pertence como membro observador á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).
A literatura islandesa, carecendo de ferramentas para a internacionalización, tenta situarse no mundo da man das traducións, porén, a literatura galega, contando con potenciais lectores no mundo todo, non dá superado unha inxusta consideración periférica.
Porque o argumento que debemos manexar quen entendemos que a lusofonía é o noso ámbito lingüístico-literario natural, non debe ficar na magnífica oportunidade que temos para lermos a Eugénio Tavares, Jorge Amado, Camoes ou Pessoa en versión orixinal, senón tamén en sermos lidos noutras latitudes, no galego da Galiza. Permítaseme a intencionada redundancia.
Debemos ter presente, polo ben dos nosos e do noso, aquilo que deixou dito Castelao: “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.
Amén.

Imaxe: Símbolo da CPLP.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-03-2017 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal