Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PRESENTACIÓN DE O SEGREDO DE SHEELA NA GIG, DE IOLANDA ALDREI

Como presentador do acto quero transmitirvos o agradecemento a todos vós por ter respondido á convocatoria; tamén a Iolanda por traer os seus versos até San Martiño, a Daniel “Caxigueiro” por cedernos o Espazo Caritel, a André Pena por vir para nos ilustrar, a Xavier Ponte por regalarnos a súa música e a María José Fernández pola súa voz poética.
Cando Iolanda me propuxo estar hoxe aquí, recibín unha alegría. Eu asistiría de calquera xeito, mais, desta maneira tiven o privilexio de saborear o poemario unhas semanas antes. E ademais experiméntase unha emoción especial desde esta banda da mesa.
Iolanda forma parte de proxectos coma o colectivo poético A porta verde do sétimo andar; este verao estivo en Alfoz participando na Ponte Literaria e tamén artellou o recital Memoria do mar de Foz, no CENIMA.
Por iso, o que máis admiro da súa faceta creativa, ademais da obra, é o seu activismo literario.
Hai persoas que escriben, publican, pescudan, len… e mais, non tratan de se xuntaren con outras persoas que escriben, publican, pescudan, len…
Coido que nun país por emancipar, nunha situación lingüístico-cultural como a presente e cunha literatura condicionada por todas esas circunstancias, non podemos permitirnos a loita en solitario ou desde a casa.
E afortunadamente, vemos que o seu compromiso coa Mariña e coas letras da Mariña continúa vixente porque hoxe presenta aquí O segredo de Sheela na Gig.
Para min a lectura de O segredo de Sheela na Gig supuxo un retorno ao telúrico, ao atavismo, á ancestralidade… a todo iso que na obra se resolve, acertadamente, co substantivo MATRIA.
Matrias, para min, son esas deusas proscritas que deron lugar, por exemplo, a unha dramaturxia clásica sen actrices e mais con argumentos centrados en Medea, Fedra ou Electra; ao cabo, MATRIAS proscritas.
Aconteceume algo curioso, este poemario evocoume A casa da paixón, unha obra narrativa de Nélida Piñón onde se describe á protagonista tendéndose na herba para ser fecundada polo sol.
Lembremos que Nélida Piñón é unha autora brasileira de orixe galega; e sempre lembra que na primeira viaxe que realizou á Galiza, sendo rapaza, descubriu, como unha revelación, a diferenza entre o antigo e o arcaico.
E algo moi semellante ides experimentar durante a lectura da obra de Iolanda.
Para mostrar un bocado do poemario que estamos a presentar, tomarei a liberdade de lervos unhas estrofas:

“Desceu um corvo dos ombros da chuva.

Abres as pálpebras e conto-te
porquê estou molhada de alegrias,
porquê tenho caminhos de asas
marcados no rosto.

A luz é leve.
Abre o dia e entra o sorriso nos lençóis
de todos os quartos,
de todas as casas,
o tempo curvado da volúpia
que aninhou em min.

Procuro a seta para o arco.
Cheira a chuva.
Como o amor chove no rosto!”


Só por estes versos, paga a pena adquirir o poemario, mais nestas páxinas encontraredes moitísimos outros resplandores de sensibilidade, de sensualidade e de poesía con maiúsculas. Un bo exemplo diso que se vén chamando, alta literatura. Obrigado.

LIONEL REXES
(San Martiño de Mondoñedo -FOZ-, 18 de marzo de 2017)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-03-2017 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal