Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LOPE, O XUSTICEIRO REVOLUCIONARIO
En Fuente Ovejuna, recréase un levantamento e unha execución. Un levantamento aguilloado polas mulleres da localidade e tamén, o axustizamento dun cacique polas propias mulleres, quen tiñan sido por el aldraxadas e violentadas.
Hai algo nesta obra do –pomposamente- chamado Século de Ouro das letras castelás que non pertence á época. Fuente Ovejuna vén sendo un manual de necesarias leis vulnerábeis, un prontuario de actuacións in extremis para situacións de urxencia que Lope de Vega legou a xeracións e xeracións de espectadores, lectores e investigadores.
Elementos como a honra, a deificación dos monarcas, a dicotomía valorosidade/covadría e por riba de todo o amor e a dignidade, alimentan unha obra dramática milimetricamente composta, inspirada nun acontecemento verídico e engalanada cuns versos tan prístinos coma maxistrais.
É lícito o magnicidio? Mellor, preguntémonos se con el estamos practicando unha xenerosa e precisa economía. Cantas vidas, tormentos e excesos se aforran eliminando comendadores?
O castelán do século XVII resultaranos ben familiar, e certos xiros evocarannos o galego actual, con todo, encontraremos certas dificultades en materia léxica e tardaremos unhas páxinas en nos afacer á musicalidade intensiva do verso. Toda unha experiencia para lectores do século XXI, mais sempre arrequecedora.
Manexar unha edición coma a miña, con cadros cronolóxicos, notas, documentos, orientacións e outros auxilios, pode resultar de grande axuda, aínda que desta volta, preferín prescindir de circunloquios e acceder directamente á obra teatral, da que volvín ter noticias hai pouco, co gallo dunha adaptación totalmente actual.
Regresar a aqueles clásicos do Bacharelato tamén ten algo de exercicio nostálxico; había moito tempo que non gozaba dun libro da Editorial Castalia, e foi como verse nas aulas do Instituto San Isidro, absorto baixo a erudición de don Luis Cañizal de la Fuente.
Hoxe, o día en que a bandidaxe nos demostrou que certos apelidos gozan de impunidade, era ben que tomásemos nota da mensaxe de Lope de Vega. Se o autor deste artigo fose máis explícito podería acabar na cadea, en troques, se roubase seis millóns de euros ben acompañado, non.
Leamos Fuente Ovejuna, toda unha unidade didáctica.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2017 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal