Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O FARDEL DA MEMORIA
Ler dous libros de memorias a un tempo, encadrados en idéntico contexto e cunha recreación de vicisitudes e vivencias ben próximas, acaba achegando imaxes e nocións sólidas da época en que se desenvolve a acción. Non é que este lector ignorase pormenores da represión exercida polo bando golpista tras os acontecementos de 1936, mais “escoitar” as memorias dun fuxido e mais as dun encarcerado, outorgan uns puntos de vista rotundamente clarificadores.
“O fardel da memoria” foi unha colección de Edicións A Nosa Terra lanzada hai dúas décadas, nos seus volumes reflectíronse as existencias de persoas senlleiras na Galiza dos ’30, tales como Alexandre Bóveda ou Carlos Velo.
Aínda que na miña biblioteca conservo varios títulos da devandita colección, hai uns días decidín afrontar a lectura de dous exemplares que mercara para o futuro, e tal futuro deuse convertido en presente agora.
O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido é o título do intenso testemuño de Antón Alonso Ríos, o insigne agrarista que tivo que se disfrazar –e mais exercer- de mendigo para burlar a zuna dos fascistas.
Trátase, ademais do que calquera pode intuír, dun pequeno tratado paralelo sobre a vida labrega e os costumes dunha época en que os pobres de pedir eran chamados “hermanos”.
O prólogo e as notas desta obra son de Xosé María Álvarez Blázquez, o prolífico intelectual tudense pai dos Álvarez Cáccamo.
Era tempo de apandar dá nome á narración do galeguista dezao Ramón de Valenzuela, quen retrata o seu forzado itinerario por presidios e campos de concentración con crueza e ironía.
Tal como acontece no libro anterior, en Era tempo de apandar hai moito máis ca memoria persoal, pois ao tempo ofrécenos curiosidades sobre infinidade de cuestións: O famosísimo volframio galego cobizado por británicos e xermanos, as discriminacións –e mesmo o elitismo- vivido nas cadeas de presos políticos, o Winnipeg de Neruda, a vergoñenta acollida dispensada aos nazis por parte duns pasivos franceses e de esguello, a paixón amorosa en tempos bélicos.
Cómpre advertir que se trata dun texto rotundamente mal elaborado e de estrutura caótica, mais constitúe un formidábel documento histórico.
Cada vez que me vén ás mans un libro d’A Nosa Terra, lembro con nostalxia aquel proxecto extinguido hai sete anos. Tratábase dun selo totalmente necesario nun país coma o noso, e teño a sensación de que ningunha outra iniciativa deu cuberto o oco deixado no seu labor editorial, non así no eido xornalístico, onde o dixital Sermos Galiza xurdiu como agromo ventureiro daquel histórico semanario nado en 1907.
Voltando ás lecturas que nos ocupan, calquera dos dous títulos é recomendábel para, alén de coñecer certas intrahistorias, gozar cuns textos amenos e por momentos divertidos, si, divertidos, malia que falemos dunha época infausta.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-02-2017 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal