Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A COITADA PANTASMA DE WILDE
Cando un se achega a un conto titulado The Canterville ghost, escrito por un irlandés en 1887, imaxina outra cousa. Porén, non estou a falar dunha decepción, senón dun encontro que semella un reencontro, xa que, por veces, semella que A pantasma de Canterville fora concibida por un autor galego, ou cando menos imbuído do noso humor e da nosa “relación” coa presenza-mito da morte.
O conto que nos ocupa non é un relato de terror senón un alarde de humor, ocasionalmente negro.
Oscar Wilde, máis que aproveitar a rica tradición atlántica, denúnciaa. Ao cabo, o dublinés non encaixaba na época que lle tocou vivir, e é seguro que quixo botar unha gargallada literaria a conta das crenzas dos seus compatriotas.
Esa é a sensación que exhala boa parte do relato, a vinganza dun iconoclasta con gana de ridiculizar unha sociedade atormentada por bruxas e aparecidos. Mais, contra o final do texto, semella que Wilde se reconcilia (ou cando menos tenta reconducir a trama cara ao respecto á tradición) co folclore do seu pobo; como se quixese salvar, así e todo, a porcentaxe de oralidade que contén calquera superstición.
O tratamento particular do mito recordoume a Risco; nada raro, pois estamos a falar, reitéroo por se non quedara claro, de autores inmersos na cultura atlántica; poderiamos falar dunha literatura atlántica? Aí queda o apuntamento para os estudosos.
Lin El fantasma de Canterville nun daqueles libriños da colección Alianza Cien, un acertado lanzamento editorial de mediados dos ’90, cuxo obxectivo era achegar a lectura a quen posuían unha imaxe prototípica verbo dos libros: obxectos gordos, caros e pouco manexábeis. Por outra banda, Alianza Editorial promocionaba deste xeito outros títulos publicados polo selo, pois o minilibro supuña un engado para que o lector accedese a outras obras do mesmo autor, que sabiamente, eran promocionadas na última páxina.
Poucas veces dei cunha tradución ao castelán tan infestada de erros; o laísmo e outras abondosas mostras de pobreza lingüística convértense en norma común durante todo o texto, condenando a publicación a unha crítica negativa por un motivo ben ruín, para vergoña da editorial e do tradutor. É un motivo ben ruín polo que obter unha crítica negativa.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-01-2017 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal