Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN CONTO FILOSÓFICO CON ÁNIMA DE NOVELA
Blanco-Amor nunca deu artellado definitivamente A escadeira de Jacob, mais Anxo Tarrío presentou nos ’90 un crebacabezas posíbel á Editorial Galaxia baixo a revisión lingüística de Blanca-Ana Roig, e tal proxecto floreceu nunha presentábel edición hai vinte e catro anos.
Don Eduardo subtitulara a obra “Novela de aventuras filosóficas” e tal debeu ser a intención, aínda que, como veremos, non foi esta a obra onde o ourensán deitou máis xenialidade.
Coñécese que é este un dos primeiros textos do autor de A esmorga e Xente ao lonxe, pois o lector non dará atopado o músculo narrativo, aínda que sexa quen de albiscar un miolo argumental (a intención da narración) máis ou menos evidente.
Debo confesar que non me resultou un texto ameno, aínda que me lembrou –e isto considéroo un dato ben positivo- aquelas lecturas do Bacharelato recomendadas co obxectivo (nunca explicitado) de que descubrísemos unha narrativa oposta ao conto xuvenil e a historieta, obrigándonos a superar definitivamente a rudimentaria estrutura composta pola trepia presentación-trama-conclusión, trazo xa prescindíbel na literatura “seria”.
Con todo, estamos a falar de don Eduardo Blanco-Amor e dei encontrado un capítulo edificante e pleno de interese, trátase de Paráfrase sociolóxica das cloacas. É quizais a parte menos difusa e máis fornecida dese verniz satírico-humorístico que o lector agradecerá na aridez dun traxecto que non anima a afrontar a seguinte páxina. Toda unha revelación.
Realmente, estamos diante un libro de relatos; frustrado, ben sei, pola pretensión de o converter nunha novela.
Pódese dicir que só consta este texto dun personaxe, malia que aparezan –forzadamente ás veces- uns secundarios que non dan callado na trama.
O hiperdescricionismo presente pode recordar algo o estilo de Cunqueiro e mesmo atoparemos (deténdonos moito) un certo ar borgiano emanado das pinceladas academicistas. Mais falamos de relampos.
Que fixen ao rematar esta lectura? Coller Os biosbardos; e don Eduardo resucitou. Madia leva.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2017 15:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal