Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MULLERES, GUERRA CIVIL E NOVELAS DE DULCE CHACÓN
Veño de ler, consecutivamente, os dous títulos senlleiros na traxectoria literaria de Dulce Chacón, unha escritora estremeña desaparecida hai trece anos na plenitude da súa existencia.
Comecei por Cielos de barro e continuei por La voz dormida, a novela que fixo transcender de maneira definitiva a teima da autora por estudar e literaturizar o binomio muller/guerra. A devandita novela foi levada ao cinema por Benito Zambrano en 2011, creo recordar que cun éxito considerábel.
Cinguíndonos ao ámbito estritamente estilístico, debo dicir que non estamos diante obras atractivas pola súa factura. A redacción e a morfoloxía sintáctica son simples e por veces, modestas de máis para o texto literario; non me refiro, por suposto, á recreación das linguaxes vulgares e os vocabularios pobres da meirande parte dos personaxes, senón á voz narrativa, na que botei de menos o requintamento do autor experto e o dominio da palabra con todas as súas posibilidades.
Desexo que se me entenda agora que vou tratar de expresar unha avaliación intricada: Non as considero novelas imprescindíbeis, mais o que nelas se narra, debe de se coñecer.
Sempre, ou case sempre, énos relatada a guerra dos homes, dos inimigos, dos prisioneiros, dos fusilados, dos vencidos e os vencedores; porén, escasas veces nos son ofrecidos tales termos na súa versión feminina. Aí radica o valor invaliábel de dona Dulce, en pór voz ao xénero que non vemos con nitidez total cando a Guerra Civil (e as outras guerras civís que sobreviñeron máis tarde) nos é ofrecida como temática, en calquera das artes ou no eido xornalístico, académico, político…
A autora ten empregado en Cielos de barro un recurso estilístico que resulta áxil e sedutor, trátase do diálogo implícito nunha soa voz; é dicir, o personaxe principal mantén un diálogo cun interlocutor mudo, do que coñecemos as súas intervencións polas palabras repetidas no parágrafo do personaxe falante.
O xiro resolutivo que Dulce Chacón practica nesta novela tamén supón unha exhibición de mestría que nos sorprende tras a lectura dun texto pode chegar a resultar confuso e monótono.
La voz dormida posúe outro ritmo, anima a devorar páxinas, mais, verase afectado por unha condena inevitábel da que non podemos culpar á autora, evocaranos moitas outras lecturas sobre a guerra, a posguerra e a represión; máxime se xa temos visto o filme homónimo. Ofrece este texto unha alfaia: a carta de despedida de Julia Conesa, unha das célebres Trece Rosas; aquela que arelou trascender como exemplo de resistencia e avergoñar un réxime xermolado na ilexitimidade. Mais non será este o único documento histórico que aparecerá plasmado na novela.
Practica a escritora un estraño xogo narrativo nesta obra, trátase de reiterar as reflexións dos personaxes ou as ideas fundamentais do diálogo, transcribíndoo de novo na voz narradora. Non é prexudicial á hora de afrontar a lectura nin fica extravagante, porén, chega a resultar reiterativo de máis nalgúns momentos.
Así e todo, en rebasando a primeira metade da obra, o desenvolvemento cobrará ímpeto e avivará o degoxo do lector; a trama mostrará azos novos e a novela salvarase –grazas a isto- dunha crítica negativa ou de ter sido ignorada polos estudosos das Letras.
Aventúrome a expresar a sensación que tiven ao chegar ao devandito ecuador; creo que ambas partes foron redactadas en momentos distintos, pois que a novela amosa dous tempos diferentes.
Non achegarán gran novidade á bagaxe literaria estes dous títulos, con todo e sen ser imprescindíbeis, son precisos.
Como escribiu Juan Ramón Jiménez: “¡Cógelo en tu sinrazón!”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-12-2016 09:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal