 Existiu, nos afastados anos ?80 do século XX, un selo editorial humilde
chamado Colección Castrodouro. O domicilio social achábase na Coruña, e os dous enderezos que figuran na páxina legal, son os dos seus impulsores.
Un dos fundadores é orixinario, xaora, do país do Douro (A Veigadouro, A Grandadouro, O Portodouro?), e quixo que aqueles libriños modestos (falamos de opúsculos), levasen o nome da parroquia máis emblemática do Valadouro.
Estamos a nos referir a Manuel Lourenzo, quen puxo a andar a devandita editora xunto a Francisco Pillado. É o mesmo Lourenzo que representou Erros e ferros de Pedro Madruga no Castrodouro cando a censura prohibiu tal obra, e o mesmo tamén, que cada verao leva o seu teatro á sala de conferencias do castelo do Castrodouro. Estamos pois, diante dun compromiso ?case unha simbiose!- histórico.
Hai uns días, nunha visita a unha libraría en liquidación, fun agasallado cun volume do devandito selo: O rei aborrecido, de Xesús Pisón.
Trátase dunha obra de teatro publicada en 1984, e seguramente, representada en moitos colexios ao longo das tres décadas que transcorreron desde a edición desta plaquette de capas alaranxadas e ilustración de Miguel Pernas.
O rei aborrecido está redactada naquela norma denominada mínimos reintegrados, cun galego algo afectado por hiperenxebrismos -totalmente perdoábeis nunha altura en que todas as normativas eran novísimas e ambiguas- e con presenza dalgúns dialectalismos valadoureses.
Este drama de catro personaxes garda un divertidísimo conto ?cun certo recendo a guiñol e monicreques- pensado para o público infantil. Unha fábula onde o autor nos ilustra sobre a fatuidade dos poderosos, o perigo dos arquetipos que o costume inculcou en nós e mais a virulencia da sempiterna cobiza humana.
Unha lección de realidade, ao cabo, disfrazada de comedia para nenos.
Sería óptimo que os colectivos culturais ligados ás terras do Castrodouro reunisen e divulgasen os títulos editados polo devandito selo. Mesmo,
deberiase estudar a reedición dalgúns textos; se cadra, a elaboración dunha edición facsimilar, e quen sabe se tamén a representación dalgunhas das pezas dramáticas que nutriron a ?colección?; sempre, por suposto, contando co permiso ?e mesmo co asesoramento- dos pioneiros da Colección Castrodouro.
Sexa como for, o arquivamento e conservación de cantos orixinais se poidan conseguir, é materia obrigada para as entidades e institucións do Alfoz do Castrodouro.
|