Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ESPANTO DE VÉRMONOS NO ESPELLO
A nova da concesión do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais a Manuel Lourenzo, chégame nos mesmos días en que ando a ler Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015). É este traballo, editado por Xerais e presentado na Coruña hai poucas semanas, o título máis recente do dramaturgo.
Nunca paraíso é unha obra de obras, un volume nutrido de pezas breves mais non lixeiras, pois que o autor do que falamos non é amigo da lixeireza nos seus argumentos.
O lector decatarase de que estes textos foron concibidos após ter colocado unha lente de aumento sobre a tribo, o mundo, o teatro e tamén, as mesmísimas ensullas do ser humano.
O dramaturgo non deforma as imaxes que captou, unicamente as dota de palabra. Outórgalles voz, espazo e situación para que nós, espectadores (da vida en xeral, non da escena en particular), ao lérmonos nas páxinas de espello, batamos coa propia imaxe reflectida; ebria da nosa estulticia, de miopías e de embigos.
O usuario (lector, espectador…) de Nunca paraíso toparase cun bo número de pezas en que os personaxes se comunican polo teléfono móbil; curiosamente o autor non posúe ese aparello que o resto dos occidentais temos convertido nun apéndice da nosa anatomía. Velaí a denuncia e velaí, outra volta, a riola de secuencias a plasmar teimas e vezos dunha civilización que rende culto aos ferranchos; uns ídolos incontestábeis que o mago da lente decidiu ignorar.
Por iso, alén da calidade literaria e o chispazo escénico que lapea en cada parágrafo, a obra é terapeuticamente recomendábel. Ler Nunca paraíso proporciona -amais do pracer ao que nos ten acostumados o xigante das nosas letras- lucidez.
Porque, pese a escoitarmos todos os días que se está a perder a comunicación (nos mesmos medios que a desfavorecen), poucas veces se escoita que a palabra está a morrer de soidade, exhibindo xa unhas deformacións en fase aguda.
“O teatro só se parece a si mesmo” lemos en Humana comedia, e ao longo do compendio descubriremos tamén de onde xorde: dos medos, da indecisión, do desexo, da frustración… é dicir, de nós; moradores desa lanterna máxica que Lourenzo escruta con atención cirúrxica.
O xogo limpo de María Esther ou Colisión supoñen unha farsa da miseria coa que temos aceptado convivir; enfrontarémonos nestes dramas a circunstancias totalmente actuais malia que algunhas pezas foran elaboradas hai tempo –reúnese material de catro décadas-; Tombo mariñán é unha aventura na que enxergaremos a Cunqueiro aló no horizonte, e en Refundición, atoparémonos co desconcerto da información desinformadora.
Quen procure a excelencia e o lategazo emocional atoparaos en Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, unhas páxinas rotundamente poéticas onde a melancolía da fin de traxecto (ademais sitúase ao final do volume) conduciranos á conmoción.
Aínda que en varios textos contemplaremos o teatro a falar do teatro, non é un ensaio metadramático, mais podería constituír a presente obra grande axuda para o ensaísta literario, pois que Nunca paraíso ten algo de enciclopédico.
Por riba do antedito, acharemos unha riqueza léxica que xa comeza a rarear no actual panorama literario galego. “Irei cando me saír dos…”, “Ao meu sabor”, “Vagariños”, “Ares”… Son termos e construcións sintácticas que foron desaparecendo das novidades editoriais por unha razón ben sinxela: moitos escritores descoñécenas.
Alén da actualidade, os mitos clásicos e a tradición oral inzan un volume onde o home do Valadouro non deixa de visitar A Azoreira, Frexulfe, Cendemil ou O Bermún, eses territorios que, sendo reais, o autor transmutou xa en ámbitos lendarios.
Agora que se aproxima a época dos agasallos, regalar Nunca paraíso. Teatro breve (1973-2015) pode supor unha demostración de afecto inconmensurábel, pois neste libro atesóuranse deleites que non acharemos na vida prosaica á que nos condenaron/condenamos nesta banda da lente, dese vidro prodixioso que Manuel Lourenzo emprega no canto de móbil.
Algo nos quere dicir, a mensaxe encóntrase en Nunca paraíso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-11-2016 16:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal