Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TEATRO, CON MAIÚSCULAS
Se reunimos compoñentes e elementos como o Clube Teatral Elsinor, o dramaturgo Manuel Lourenzo, un elenco por el guiado e a dramatización do mito que deu orixe a Hamlet –si, o Hamlet que máis tarde dotou de inmortalidade a todo autor que o empregou nos seus textos- nunha noite de chuvia e frío ao abeiro dun auditorio no norte do país, teremos aprestada a maxia precisa para nos adentrar nas obsesións primixenias que hoxe, aínda non demos esconxurado; cobiza, ciúmes, hipocrisía, violencia…
Se nos preguntamos de onde vén Hamlet teremos que nos remontar á Gesta Danorum, un antigo texto poético que nos instrúe sobre a historia de Dinamarca. Nesta obra do século XII xorde o príncipe Amleth, un xuto (de Xutlandia) que dará lugar ás versións posteriores dos distintos hamlets.
Lenda escandinava (o primeiro Hamlet) é a obra coa que Elsinor nos agasallou hai uns días no marco do denominado Mes do teatro no Alfoz.
Existen concellos que celebran o mes do teatro, hainos tendentes á semana do teatro e outros, conténtanse con programaren obras esporadicamente, sen teren en conta datas nin conmemoracións. Todo é bo, nada sobra, mais debemos aspirar (se arelamos unha sociedade culta e crítica) a que o teatro ocupe as programacións culturais sen se circunscribir necesariamente a épocas ou efemérides. Teatro o ano todo, por que non?
As funcións teatrais enchen casas da cultura e logran atraer a quen non consome outros tipos de espectáculo, e é que o teatro, ao cabo, representa o xogo, o xeito de denuncia e o exercicio identitario máis antigo da Humanidade; non en van, supón unha das formas literarias primarias –xunto á tradición oral e a troba- e por tanto máis próxima ao pobo.
Se a asistencia ás representacións ten de ser necesaria e continuamente gratuíta (estamos a nos referir ás funcións ofrecidas por institucións públicas), é materia para un debate que non abordaremos hoxe.
Elsinor mantén un vínculo especial co Valadouro e isto contribúe a que dúas veces no ano poidamos gozar de obras que doutro xeito, ficaríannos moi lonxe, en todos os sensos.
Do mesmo xeito ca na representación do verao pasado, Carme Martínez, Cristina Fuentes, Xosé Martínez, Xulia Miguel e o xigante das letras Manuel Lourenzo, subiron ás táboas para demostraren que existe unha arte dramática allea ao chiste televisivo, unha arte dramática que foxe da superficialidade e permanece ancorada ao pensamento, e unha arte dramática que procura o razoamento antes cá distracción; falamos xa que logo, de TEATRO con maiúsculas.
Unha escenografía sen artificios, imbuída “soamente” da esencia do drama e a expresión oral, un decorado onde o máis elaborado serán unhas fermosas máscaras que nos retrotraen á noite dos tempos e un texto elaborado polo mestre da dramaturxia galega, outórganlle á obra unha factura grandiosa; recordándonos ao tempo, que proxeccións, danzas reiteradas e efectos varios non melloran a escena, en todo caso compleméntana.
De termos que salientar algunha interpretación na obra que nos ocupa sinalariamos a do actor Xosé Martínez; un home que non vén do ámbito dramático e que logrou chegar a se mover no espazo escénico coa confianza precisa para transmitir os matices do personaxe.
Quen desexe pescudar na orixe desa fonte inesgotábel chamada Hamlet e deixarse seducir polo TEATRO –outra volta con maiúsculas- que comunica, fai pensar e satisface espectadores exixentes, ten de vivir a experiencia que vimos de narrar.
Non hai comparanza.



Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-11-2016 17:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Moitas grazas por acudir ao teatro, por ser ESPECTADOR con maiúsculas, por tomar a responsabilidade de demandar máis#blgtk08# teatro e difundir aquel que cos corazóns cheos de ilusión se leva a escena.
Aperta grande.
Cristina.
Comentario por Cristina Fuentes (10-11-2016 09:38)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal