Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

OS LIBROS DO TREN
Houbo un tempo en que a Renfe publicaba libros para que os seareiros lesen durante as viaxes. Non sei se tal práctica se mantén vixente mais a idea é desas para copiar e espallar até que ninguén recorde quen foron os pioneiros.
Eran libros en formato plaquette que desboto definir como opúsculos; iso si, os editores non se molestaron en incluír o Depósito Legal nin ningún outro dato que nos informe da data e lugar de publicación. Endebén, o relato que veño de ler aparece datado en 1988 polo autor.
Trátase de Madrid, ida y vuelta, de Manuel Longares; un conto que navega entre o naturalismo urbano e o noir de pouca voltaxe. Unhas axadas de violencia e intriga achéganlle as doses precisas de tensión e un final sen resolucións innecesarias demostran a profesionalidade do autor.
É un “libro do tren”, así que o importante cómpre buscalo no traxecto. Moito ferrocarril, moita estación e algo de historia adobían un relato que transcorre maioritariamente no ámbito da ferrovía.
Supoño que os escritores convocados para o devandito proxecto recibiron as oportunas instrucións antes de se pór a enxeñar as temáticas dos seus textos.
Asaltoume unha dúbida mentres manexei este volume sinalado co número 4 da Serie Viajes; editaríanse tamén os devanditos libriños nas outras linguas do Estado? Quero pensar que si, pois que estamos a falar dun proxecto literario pensado para ser gozado e consumido nuns convois con ecos de diversos idiomas; e dígoo sen me referir aos eventuais usuarios extraestatais.
Un transporte público adozado con libros é un invento que debería ter continuidade -se non a ten- e estenderse ao resto de sistemas de desprazamento.
Mirar pola xaneliña é entretido e arrequecedor, mais un libro –sen ánimo de nos pór pedantes- é a fiestra máis poderosa que existe, só comparábel, casualmente, a unha viaxe; vállanos a redundancia.
Como chegou á miña biblioteca? Non gardo recordo algún, mais, estamos a falar dun libro viaxeiro. Naceu para iso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-11-2016 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal