Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O DÍA QUE ELSINOR NOS TROUXO A CUNQUEIRO
27 de agosto: Xornada calma, mañá neboenta e tarde solleira. Contra o serán, un vento estraño envolve O Castrodouro. Chegou Elsinor.
É o segundo verao que o o Clube Teatral Elsinor visita o castelo do Alfoz, e no mesmo evento, recibimos a boa nova: en outono voltarán.
Celebremos pois, que o Teatro (si, con maiúsculas, porque non estamos a falar de calquera cousa), comece a ser habitual nun lugar onde se tiña enquistado o teatriño.
Xente de pálida pel, a obra adaptada por Manuel Lourenzo, é unha escolma de personaxes tirados (mantendo fidelidade aos monólogos e diálogos orixinais) de textos dramáticos de Álvaro Cunqueiro (O incerto señor don Hamlet, O demo elegante, A noite vai coma un río…), defendida por un elenco de cinco actores: Carme Martínez, Cristina Fuentes, Xosé Martínez, Xulia Miguel e mais Manuel Lourenzo, quen ao tempo é director.
Se teño que destacar un momento sublime da función, sen dúbida, supúxoo a interpretación de Xosé Martínez e Cristina Fuentes no diálogo extraído de O demo elegante. Unha alfaia dramática no medio do verxel de profesionalidade que indefectibelmente nos ofrece o CT Elsinor.
Coma case sempre, debemos queixarnos dun público que acode ao teatro deixando a educación na casa (sexamos optimistas, ou cando menos inxenuos); xa que puidemos escoitar sons de móbiles, irrupcións ruidosas e intempestivas ou murmurio ben audíbel cando a escena xa fora ocupada.
Non sei se haberá que ofrecer cursiños de “Público civilizado”, tipificar o delito de “molestia durante o decurso de espectáculos”, ou, crear unha escuadra secreta para a eliminación de pailáns no patio de butacas; sinceramente, ningunha destas medidas me resulta antipática.
No entanto, congratulémonos de poder ter gozado de Xente de pálida pel na torre dun castelo, de percibir os actores a menos dun metro (falamos de teatro de cámara stricto sensu) e por riba de todo, de que o Teatro (si, outra volta con maiúscula, a ver se os popes do teatriño se dan por aludidos) teña visitado O Valadouro.
Cesou o vento, marchou Elsinor. Endebén, seica en novembro, un vento estraño zoará polo eido alfocés; benvido sexa de novo, o Teatro.

Na imaxe Xosé Martínez, Cristina Fuentes e Carme Martínez.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2016 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal