Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NOVAS "PONTES LITERARIAS" EN 2016
Aquela experiencia literaria nada o pasado ano na Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro), tivo continuidade neste verao.
Os fundadores convocaron unha primeira Ponte Literaria organizativa para artellar os vindeiros encontros; mais, xa na primeira xuntanza do verao, a literatura gurgullou a carón da Ponte Vella.
Aquel 13 de xullo naceu un hábito saudábel e pleno de azos para que a lectura, o pracer da tinta impresa e a solidariedade literaria se reproduzan nun val que foi e é, berce de autores e letras.
Demos en chamarlle doazón espontánea ao xesto sabio de Manuel Lourenzo. Consiste en espallar na mesa de reunión, un abano de libros que por unha razón ou outra (volumes repetidos, libros lidos…) estean abocados a deixar espazo libre nas bibliotecas domésticas. Alguén virá máis tarde para ofrecerlles un novo fogar.
Falouse da opaca existencia dunha boa cantidade de mulleres poetas no Valadouro; autoras con escasa repercusión local e cunha obra que non transcendeu alén dalgún opúsculo conmemorativo ou dun folleto das festas patronais.
Unha antoloxía de poesía en feminino supón, xa que logo, unha das débedas culturais que as terras do Douro deben saldar coa posteridade. Idea esta, que o lúcido Isaac Ferreira ten ofrecido en varios ocasións, nas Pontes Literarias e fóra delas.
Segundo Manuel Lourenzo, un novo xénero ou xeito de escribir pode estar a nacer no Valadouro, o dramaturgo denomina “rarismo” a certo estilo e temática que por veces agroman nas letras do val.
Cantos valecos saben que un exemplar de Contos do Valadouro estivo nas desaparecidas Torres Xemelgas de Nova Iorque?
Destes temas e de moitos outros se fala nestes encontros de persoas vinculadas (por activa, por pasiva ou por simpatía) á literatura.
Na segunda Ponte Literaria de 2016 -celebrada o 21 de xullo- a novela, como xénero, foi vítima dunha crítica feroz.
Varios dos presentes afirmaron que tal formato continúa mantendo vixentes as fórmulas do século XIX, que non houbo innovación nin evolución e que se trata, pois, dun xénero caduco.
Xurdiron voces valedoras da novela, aínda que recoñecendo o contedor de refugallos no que se converteu por culpa das estratexias comerciais. Díxose en defensa do devandito xénero que a canseira e apatía que se aprecia nunha parte da novelística, non ten por que ser allea, desgrazadamente, a poetas e dramaturgos.
De novo, no tempo adicado ás lecturas, os clásicos gregos visitaron o encontro na Ponte Vella: Medea 2 é o título do poema dramático lido por Xesús Pisón, divulgado por primeira vez nun acto público.
A oralidade (parte fundamental e fundacional da arte literaria), gozou de protagonismo nesta segunda edición grazas a unha narración de Lionel Rexes, inspirada por unha misteriosa quinta da parroquia de Lagoa. Trátase dunha mansión ornada cun posíbel monumento funerario.
Desde a descrición literaturizada dunha imaxe local, o narrador deu un chimpo a un relato de Robert Bloch intitulado Festa na abadía, pois que no ano 1934, o mestre Bloch describiu algo ben semellante ao que unha ollada soñadora pode observar en terras valecas.
E o ensaio abriuse espazo, por fin, nunha Ponte Literaria. Foi da man de Marco Candia, quen está a traballar no estudo dos antigos curtidoiros do Valadouro.
Tivo, o ensaísta, a deferencia de adiantar unha riola de interesantes datos ao respecto. Toda a información sobre estas desaparecidas infraestruturas fabrís ficará reflectida nunha futura publicación.
Outra volta, varios libros cambiaron de mans grazas á práctica da doazón espontánea.
O mes de agosto regalounos unha Ponte Literaria o día 11, adubiada cuns refachos de Nordés que obrigaron a comitiva de letraferidos a se internar na Casa da Cultura do Alfoz. Alí, ao abeiro do salón de actos, nove autores leron as súas creacións ante un pequeno auditorio de calidade e autoridade.
Fran Bouso, un dos organizadores do evento “Mondoñedo é poesía”; Iolanda Aldrei, do colectivo poético compostelán A porta verde do sétimo andar; Vera Reges, valadouresa de Madrid e viaxeira incansábel;
Paco Rivas, o erudito do mar mariñao; Ramom Reimunde, o descubridor dos tesouros do monte e, coma sempre, os impulsores destes encontros (Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes), leron arroupados por un feixiño de veciños e lectores amigos.
Lonxe do río e da ponte matricial, a anoitecida foi chegando sen que a convención fose consciente; embebida nun Manuel Lourenzo cultivando a narrativa, nun Xesús Pisón fero e decote xenial ou nun Isaac Ferreira exhumando textos confeccionados hai 25 anos.
Se as lecturas resultaron interesantes o coloquio rebelouse rotundamente arrequecedor.
Regueifas –enchoiadas na poesía de Paco Rivas-; as antigas estirpes de acopladores do Alfoz do Castrodouro –unha información que ofreceu Isaac Ferreira-; a función social dos grupos e círculos poéticos –Iolanda Aldrei atendeu cuestións arredor d’A porta verde do sétimo andar- e moitas outras temáticas, foron esvarando entre a tarde e un serán estival, xa coa luz minguada.
Mesmo a Gesta Danorum en versión dramática gozou dun espazo no encontro, pois que Manuel Lourenzo amentou un dos seus recentes proxectos escénicos.
Cando os participantes na Ponte Literaria abandonaban o salón de actos, os integrantes dun grupo de teatro chegaban para ensaiar; foron os actores –tamén amigos, tamén autores algúns- os beneficiarios da doazón espontánea de libros dese tarde.
A Ponte Literaria fíxose adulta aquel 11 de agosto, grazas á presenza dos convidados e mais á continuidade dos iniciadores.
A culpa, coma sempre, tívoa a paixón polas letras, enfeitada decote pola amizade que fixo medrar o proxecto.

Imaxe: Paco Rivas lendo; na fila dianteira Vera Reges e Isaac Ferreira.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2016 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal