Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MAR, DEBUXO E POESÍA -E MESMO BENEDETTI!- NO ROTUNDO VERAO FOCEGO
Chegar ao Centro de Interpretación da Mariña, un sábado de verao coas festas do San Lourenzo ás portas, achegarse á exposición de debuxos Memoria do mar de Foz e encontrar a Juanel –o autor- na sala custodiando a súa obra, supoñen os prolegómenos perfectos –mesmo soñados!- para acceder ao evento que nos levou até unha vila ateigada de visitantes nesta altura.
O recital “Poesía do mar” resultou unha singradura calma por momentos e axitada pola realidade brava en ocasións; nomeadamente cando Iolanda Aldrei (mantedora do acto) adicou versos á ameazada Cova Eirós e ao seu defensor, ou cando María José Fernández nos arrebatou o acougo evocando os zapatos abandonados nas praias de Lesbos.
E aínda puidemos gozar doutro poeta, Xosé Iglesias, un voluntarioso trobador da andaina mariñeira e autor do poemario Transfusión oceánica.
Lembroume, este mariñeiro nado en Cee, a Xurxo Souto, non só pola recorrente temática salgada, nin sequera pola buguina que soou no recital, senón por un lema que se está a estender coma un ensalmo contra rumbos desleigados: Medre o mar!
A crónica de terra transmitíunola a poeta da Pontenova María José Fernández, quen se axudou dunha voz cálida e acolledora para nos levar até O Cebreiro extinguido, até a infancia petrificada ou polos camiños desandados.
Resultoume especialmente conmovedor o seu último poema; nomeadamente cando a autora deseñou bolboretas no ar coas súas mans, pois que se auxiliou da xestualidade na declamación. Sinxelamente soberbia!
Da vella Cortegada e dos territorios perdidos falounos –con poemas fermosos e nostálxicos- a compostelá Iolanda Aldrei, voz que escoitei recitar por primeira vez na Frouseira hai tres veraos, no marco dunha conferencia de Manuel Lourenzo.
As composicións de Iolanda non permaneceron alleas ao litoral destruído pola cobiza, factor que todos tivemos presente mentres observabamos os debuxos de Juanel, un ronsel de imaxes que nos transportan á Foz enxebre de comezos do século XX, nada semellante á vila que hoxe –tras rautos varios- se reflicte na ollada.
O parte meteorolóxico da BBC interpretado por mariñeiros non anglófonos e os rituais dos navegantes gozaron dun espazo privilexiado na voz vibrante do Xosé, un creador entre amuras.
No exterior do edificio con fasquía de barco, centos de postos ambulantes aboiaban nas rúas bañadas polo sol vespertino; e entre brinquedos inimaxinábeis, obxectos máxicos, bixutería, prendas andinas e auténticas pizzas italianas; xurdiu, humilde e accesíbel, un libriño de Mario Benedetti.
Transparencia y outros cuentos (unha modestísima edición de 2006 do selo H Kliczkowski-Onlybook) mora xa na miña biblioteca, achegando eses alustros de xenialidade cos que don Mario (creo que a el non lle prestaría tal denominación mais é costume desta bitácora) nos avezou.
Continuos vagallóns de beleza en hora e media.
Medre a poesía!

Imaxe: Iolanda Aldrei, mantedora do recital.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2016 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal