Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DON FÉLIX
Tal lle chaman en Mondoñedo a Félix Villares Mouteira, o profesor de lingua galega no seminario, o fundador da revista Amencer e o facedor de moitas outras alfaias culturais; naquelas latitudes ninguén precisa matizar títulos nin sinalar apelidos.
Daquela, quen mellor que don Félix para nos falar da Escola Poética do Seminario de Mondoñedo?
Magnífica e erudita resultou a conferencia por el pronunciada o 7 de xullo no marco das I Xornadas de Historia Local ‘Enrique Cal Pardo’.
Baixo a epígrafe “Os poetas do Seminario”, o histórico profesor foi debullando características, nomes propios, anécdotas e incógnitas vixentes arredor desta lonxeva escola poética, colectivo lírico sobre o que non todos os críticos literarios se poñen de acordo, pois que algúns, entre os que se atopa o actual presidente da RAG, tan só lle recoñecen un ar de familia.
Félix Villares ten coñecemento de causa en todo o relativo á devandita escola. El é o autor de Un alpendre de sombra e de luar. A escola literaria da diocese de Mondoñedo-Ferrol, estudou obras e autores, e impartiu aulas aos que hoxe manteñen acesa a lapa desta institución estilística.
Unha reflexión persoal experimentada na propia conferencia -e intuída sempre que leo a algúns dos membros desta escola-, lévame a pensar que a relixiosidade presente naqueles homes (mesmo os anticlericais coma Leiras eran crentes segundo o propio Villares) vinculados por veciñanza, matriculación académica ou aveciñamento ao seminario mindoniense, fíxolles derivar nun animismo profusamente cultivado nas súas composicións.
Entre os diversos nomes que amentou o relator, figura Portal González, autor do poema A rosa do Valadouro, publicado na Habana en 1878 e difundido na actualidade polo estudoso valadourés Miguel Vila.
Observemos, xa que logo, unha escola poética viva aínda, sen investigar na súa totalidade e con ramificacións, xeográficas ou líricas, nos territorios adxacentes, pois que algo resta daquela vella provincia que un día chamaron Mondoñedo.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2016 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal