Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS INTERROGANTES FORMULADAS POR JAMES CARROLL
Ler Madonna roja pode supor unha experiencia introspectiva que nos obrigue a abandonar postulados aos que tiñamos chegado sen cismar moito na contorna do asunto.
É esta unha desas novelas que non se esquecen de xeito doado, por un motivo tan sinxelo coma difícil de encontrar nos últimos tempos. A excitación mental, filosófica, ideolóxica, sociolóxica e mesmo espiritual que suscitará a lectura en cuestión, proporcionaranos horas de reflexión e debate, como debe ser! Pois que unha obra literaria, para gozar de calidade, debe ser algo máis ca un entretemento.
Madonna roja é unha tradución ao castelán elaborada por Diorki Traductores e editada pola Editorial Pomaire en 1978; a capa, algo efectista, pode atraer lectores sedentos de tramas menos profundas e máis vinculadas ao noir puro ou mesmo ao hard boiled, mais quen procure literatura para nutrir o pensamento, atoparáa.
Don James non se conforma nesta obra cunha trama única nin básica; senón que nos vai chapicando de diversos conflitos para nos facer cavilar e se callar, tomar partido, ou cando menos, chegar a conclusións inesperadas.
O rol da muller na Igrexa católica, unha xerarquía eclesiástica anticuada que xa percibe os empurróns de doutrinas máis adaptadas aos tempos, o conflito angloirlandés, a guerra sucia do Reino Unido contra o IRA, a desproporcionada guerra de Vietnam, o papel dos Estado Unidos como sentinela do mundo…
“(…) E preguntouse que faría Washington sen unha guerra”, espétanos o autor cando faltan oito páxinas para rematar a novela.
En definitiva, James Carroll sométenos a un exame, se non de conciencia, si de posicións incómodas. Mais faino sen adoutrinamentos, tan só formulando enunciados, subrepticiamente.
Ningún estamento, institución ou estado fica favorecido nesta instantánea, unicamente actitudes persoais e posturas individuais emanadas da ética; velaí a salvación que nos mostra, nunca de maneira evidente, sempre con exemplos nidios.
Son máis lexítimas as operacións das tropas americanas –un exército regular- en Vietnam cás accións do IRA –unha milicia popular- en chan irlandés?
Existe algún matiz, de carácter moral, para diferenzar entre guerras oficiais e guerras oficiosas?
Debemos considerar normal un operario militar que invade, ocupa, asasina e tortura por débito laboral?
A autodefensa exercida polos católicos irlandeses é menos heroica cá resistencia vietnamita?
Onde remata o terrorista e comeza o soldado?
Non son os soldados americanos, enviados ao matadoiro de Vietnam, tan dignos de compaixón coma calquera outro recruta alleo ás decisións dos altos mandos?
Cuestións tan espiñentas coma complexas son as formuladas por un autor que coñece a Igrexa católica por dentro, coas súas contradicións e dogmas ancorados en tempos bíblicos –nada exclusivo do catolicismo nin do cristianismo-, e tamén, cos seus incómodos axentes de anovamento, daquela proscritos.
Unha curiosidade: Na versión castelá emprégase a expresión "desfase de jet", hoxe substituída por un anglicismo.
Recomendo este título, traducido no ámbito portugués como A madona vermelha.
Tradutores galegos: Lémbrense de James Carroll.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2016 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal