Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PREMIO INTERNACIONAL PARA LUISA CASTRO
Estes días coñecemos unha boa nova: Luisa Castro, a escritora de Foz, vén de ser galardoada por unha revista literaria italiana co Premio Quaderni Ibero Americani.
Chégalle, esta distinción, polo valor recoñecido ao conxunto da súa obra.
Italia goza dunha publicación para o estudo das culturas ibéricas e latinoamericanas; un exemplo que deberiamos mirar polo miúdo, cara a dentro e cara a fóra.
Gárdolle gratitude á devandita autora pola boa disposición demostrada nas dúas ocasións que precisamos dela en Radio Valadouro.
En 2010, Luisa Castro gañara o Premio Puro Cora polo seu artigo Providence, publicado no xornal El Progreso o ano anterior.
Naquela altura, quen isto escribe colaboraba no espazo “Parolando” da devandita emisora, programa senlleiro dirixido polo agora novelista e xa daquela dramaturgo, Pepe Peinó.
Unha defensa serena e rotunda do idioma galego, sabiamente argumentada pola autora focega, fixo que me tivese parado no texto o día da publicación, e que me fixase, con admiración anovada, cando se deu a coñecer a concesión do premio xornalístico.
Daquela, pensei que a poeta da lata de sardiñas (quen teña asistido a un recital de Luisa Castro saberá de que falo) non podía continuar fóra da listaxe de persoeiros interrogados no “Parolando”, pois que nunca fora a poeta de Marzán entrevistada na radio municipal do Valadouro.
A atención dispensada ao fío telefónico cando contactei coa recén premiada foi próxima e cooperadora; así, aquel programa dos xoves contou, por fin, coas opinións, reflexións, e por supostos os poemas, dunha señora das letras chamada Luisa Castro.
Pouco tempo despois, considerei que deberiamos falar na radio do desaparecido novelista Francisco Casavella, vinculado á Campá (Couboeira, Mondoñedo) e amentado aqueles días por ter artellado a Editorial Destino un premio co seu nome.
Non estaba a resultar doado contactar con alguén próximo ao autor barcelonés; con todo, tras un labor case indagatorio, un bo amigo achegou unha luzada sobre o labirinto.
Buscando buscando, encarreiroume nunha pista fiábel; a persoa idónea para falar de Francisco Casavella sería unha escritora coa que o autor compartira amizade, tal era Luisa Castro.
Luisa aceptou unha nova entrevista na noite dun novo xoves. O cuestionario serviría, dalgún xeito, como homenaxe a un escritor que redactara a súa derradeira novela en terras alfocesas.
Porén, uns días antes da emisión en directo do “Parolando”, recibo unha chamada da escritora.
Considerara –con excelente criterio- que a persoa máis acaída para aquela entrevista sería a nai do propio Casavella.
Foi a autora de Baleas e baleas quen xestionou a intervención de dona Aurora Hortelano en Radio Valadouro, xesto que nunca puidemos agradecer bastante desde o equipo xestor daquela radio local.
Así, o 8 de abril de 2010, a señora Hortelano atendeu as miñas preguntas a través do teléfono. Transcurrira, apenas ano e medio desde o pasamento do seu fillo.
Por accións coma as expostas, polas súas obras e por representar á Mariña literaria alén das nosas néboas e nordeses, manifestamos alegría e orgullo polo recoñecemento internacional da nosa veciña Luisa Castro.
Parabéns!

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2016 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal