Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ROSALÍA CASTRO, A ACTRIZ
Si, chámase Rosalía Castro e é de Burela. E nesa mesma vila, o día 17 de xuño transformouse en Pandora.
Co auditorio municipal ateigado de veciños e foráneos, Rosalía Castro foi, ademais de profeta na súa terra, a primeira muller na terra.
Tal é o título da obra -artellada por La Smorfia Teatro- que esta moza afronta en solitario sobre as táboas, pois que estamos a falar dun monólogo, un texto tenso e intenso á beira da hora de duración.
La primera mujer en la tierra é unha obra do dramaturgo salmantino David San Juan, coñecido tamén polo pseudónimo Nas.
Vibrante contra o final, pedagoxicamente impecábel na súa totalidade e cunha escolla musical tan acaída coma meditada para o reforzamento da escena, este texto non é amigo da indolencia nin aforra esforzo en denunciar a asunción histórica da anomalía como norma sen discusión.
Sublime e evocativa son apenas dous dos adxectivos cos que premiar a actuación de Rosalía Castro, unha actriz que se fixo co escenario –e co público- exhibindo unha mestría propia de intérpretes con moitos máis anos e bagaxe.
A ánfora de Pandora (revisemos o mito e a interpretación lingüística) acochaba en realidade, a estigmatización do xénero feminino; o comezo da lenda –interesada e calculada- da bruxa, da parva, da puta, e da femia restrebadora, e da coidadora submisa, e da esposa resignada…
Hai unha primeira parte no monólogo onde se reivindica máis có feminismo, o feminino; para que o espectador experimente, paulatinamente, unha transición cara á verdade descarnada, cara á condena que sufriu unha metade da humanidade, esa porción que naceu, por azar, con ovarios, e por desgraza -segundo mentes esclerosas- sen testículos.
Isto todo e algo máis poderá someter ao xuízo do seu sentido común quen se achegue a un espectáculo rotundo, unha representación que desde o primeiro minuto sacode o pó mental asemade esfola os prexuízos que poidamos arrastrar dos tempos (non tan remotos parece ser) en que os mitos, ademais de explicar o mundo, ditaban sentenzas segundo as filias, as fobias e as necesidades dos poderosos.
Tan pouco demos mudado a situación?
Rosalía Castro ispe, a través deste monólogo conmovedor, uns usos e costumes que atafegaron –non atafegan na actualidade?-, non só un xénero, senón unha especie, pois que lastraron o desevolvemento social de todos nós.
Disque, en literatura, para facer críbel un argumento debemos evitar caer na positividade absoluta e incluír algunha pincelada negativa. Velaí vaí: A acústica da función non era boa, e por veces, o espectador víase obrigado a aguzar o ouvido.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2016 09:15
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal