Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A PICARESCA AMERICANA DE TWAIN
Quen considere a picaresca un subxénero da literatura castelá, non leu a Mark Twain.
A arte de obter sustento con argucias e trampulladas debeu ser ben coñecida ao longo do río no que Huck Finn e Tom Sawyer naceron como personaxes das dúas novelas máis coñecidas de don Mark.
Accedín a unha versión en castelán titulada Las aventuras de Huckeberry Finn grazas a un deses volumes adquiridos nos postos de libros dalgún mercado semanal. Trátase dunha edición pensada para regalar cun xornal, até aí ningunha queixa, mais procurei o nome do tradutor na páxina legal e non achei rastro del, polo que descoñezo o responsábel da presente tradución.
A Editorial Extremadura (selo que presumo vinculado a un xornal estremeño), non coidou en absoluto unha publicación que tan só destaca, na capa, o nome da colección (Biblioteca de aventuras), pois mesmo o título e o nome do autor figuran en grafía de inferior tamaño e lucindo o odioso costume das minúsculas sen contemplacións.
Las aventuras de Huckleberry Finn ten algo de El Buscón, ou polo menos a min evocume aquel relato inzado de falacia e aparencia; agás na fame, apenas presente na xesta mississipiana.
Tería lido Twain a Quevedo? Nas páxinas da obra reflíctese unha profunda atracción polos asuntos e actualidade europeos.
A monarquía, tan sabiamente combatida no continente americano, é obxecto de burlas e caricaturas mordaces ao longo da novela, a relixión tampouco deixa de sufrir a crítica sibilina do autor e o exército tamén obtén a súa ración de ridiculización.
Se hai un ismo que recibe o apoio do autor, é o abolicionismo. Sutilmente, Twain tenta facer ver a aberración que supón a escravización dun ser humano por parte dun semellante.
O feito de que os personaxes protagonistas estean encarnados por un adulto negro e un neno branco, cómplices e inseparábeis, outorga a clave da mensaxe, non sempre nidia.
A quen seguro leu don Mark foi a Shakespeare, e ouso afirmar (sen me ter achegado a ningunha biografía do devandito autor) que debeu lle profesar verdadeira devoción, pois que as referencias á obra do inglés son recorrentes e numerosas.
Estamos diante dun texto entretido, non exento de partes tediosas e temáticas reiterativas ou recreacións excesivas en detalles secundarios, mais totalmente recomendábel como lectura xuvenil.
Debemos advertir a pais e titores susceptíbeis que o neno Huck Finn, fuma en pipa. É posíbel que na sociedade actual se considere censurábel tal característica do personaxe; compensada sen dúbida polas mensaxes implícitas a prol da amizade, a lealdade e os principios firmes.
Se hai unha virtude de Huck e Tom que gabo con satisfacción, é o seu hábito lector. Ambos os dous personaxes están constituídos por nenos trastes cunha ampla bagaxe literaria, propiedade que excita e arrequece a súa imaxinación e mais o seu intelecto, e por outra banda, ateiga o texto de referencias que animarán a curiosidade lectora do usuario.
Gocei especialmente da presenza das supersticións propias das comunidades negras, onde mesmo quixen albiscar pinceladiñas de algo semellante ao realismo máxico. Achei, do mesmo xeito, algunha pinga de metaliteratura, sempre ben encaixada nun texto que a priori, non fai pensar nun encontro con tal contido.
Eu recoméndoa, aínda que como teño dito noutras ocasións (sen dúbida froito da aceleración duns tempos distintos aos do novelista), sobran páxinas; parágrafos que unha vez tosqueados deixarían a novela fresca e alixeirada dun lastre incómodo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-06-2016 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal