
Se redacto estes parágrafos, non é coa intención de constatar as miñas intervencións nos eventos celebrados co gallo do Día das Letras Galegas nos municipios do Valadouro; feito polo que me sinto moi honrado, mais sei que non merecen tales achegas -feitas con máis vontade ca ilustración- un texto de mención.
Se quero lembrar e compartir de novo, as celebracións do ano de Manuel María nas terras do Douro, é para agradecer a deferencia dispensada por dous amigos; labrego un deles, escritor o outro.
Non me digan que non é casualidade que, as dúas almas de Manuel María (agro e escrita), se manifesten ?oportunanmente- para me facilitaren unha valiosa documentación a través de dúas persoas que coñeceron e trataron o poeta.
Tales amigos son, Emilio Méndez, propietario da Finca Galea, e Ramom Reimunde, autor de A Costeira, Con textículos, O tesouro do Monte e varios títulos máis.
Situémonos. O 15 de maio, convidado pola Asociación Cultural O Castelo, interveño no acto denominado ?O Poeta do Miño?, no Centro Social do Alfoz. No devandito evento, no medio dunha semblanza de Manuel María, recordo ao auditorio que o autor escribiu un artigo xornalístico louvando a beleza da Finca Galea e mais a contorna daquel ?edén na metade do paraíso?.
Reitero que nese artigo noméase o concello do Alfoz, a parroquia do Castrodouro e por suposto a bisbarra do Valadouro.
Comentei tamén a transcendencia que chegou a experimentar un texto que debe estar presente nos cartafoles de viaxe de media Europa, pois chegou a formar parte da publicidade da Finca Galea (o magnífico hotel rural goza dun visitadísimo espazo etnográfico) durante moitos anos.
Nos días previos á intervención busquei tal folleto mais non o dei atopado. Con todo fiquei tranquilo, seguro de ter atesourado, noutrora, o devandito impreso no meu caótico arquivo; mais algo apenado tamén por non dispor da referencia exacta de edición do artigo para a mencionar na disertación.
O 17 de maio, tiven que repetir a pequena conferencia na Casa da Cultura ?Manuel Lourenzo?, de Ferreira, a pedimento da Concellaría de Cultura do Valadouro.
A sorpresa foi maiúscula e grata cando, ao me achegar ao auditorio, vexo a Emilio Méndez agardando para me entregar tres textos:
O artigo A Galea, de Manuel María, publicado no xornal El Correo Gallego o 27 de agosto de 1994; o folleto publicitario publicado polo propio estabelecemento hostaleiro a partir do devandito artigo; e aínda outro artigo máis de Manuel María.
Tratábase, nada máis e nada menos que dunha publicación póstuma.
O derradeiro artigo do poeta da Terra Chá foi publicado tamén por El Correo Gallego, nas horas inmediatamente posteriores á súa morte. Titúlase O Mariscal, e foi inserido, finalmente, na sección de opinión, malia ter sido escrito para a cultural ?O Correo das Culturas?.
Este texto, o derradeiro artigo, fala de Pardo de Cela, da Frouseira e dos seus prantos, da ?Paula? e da Ponte do Pasatempo; nomea a Emilio Méndez e a súa dona Carmen, a Antón Meilán, a Asociación O Mundo de Galea e de novo, menciona O Castrodouro e o municipio alfocés.
Agora que nos estendemos en nomes, patronímicos e topónimos, non podo deixar de lembrar un bo amigo que me serviu de leitmotiv nas conferencias destes días pola súa proverbial amizade con Manuel María. Trátase de Suso Fernández, Suso do Bahía. Libreiro, escritor, dinamizador cultural, cronista oficial de Foz e por riba de todo, excelsa persoa; querida, entrañábel e imprescindíbel á hora de falar das letras e da cultura en xeral na Mariña.
Por certo, Suso aparece nomeado no artigo de 1994, naquel que a Finca Galea empregou nun díptico publicitario.
Mais, aínda foi quen de me resolver outra dúbida a propicia aparición de Emilio. Eu lembraba ter coñecido a Manuel María na Finca Galea nun Día das Letras Galegas, coa música e a voz de Suso Vaamonde como fondo sonoro, porén, fórame imposíbel lembrar o ano en cuestión.
Emilio, o oportuno anxo da memoria, traía consigo o cartel do devandito acto cultural para mo mostrar; fora en 1998.
O meu asombro non rematou cos inesperados agasallos de Emilio, pois que ao entrar no salón de actos ?xa ateigado-, Ramom Reimunde fíxome entrega de dous documentos:
Un completo folleto editado polo I.E.S. de Foz á morte do egrexio chairego, composto por unha biografía, unha bibliografía e unha semblanza asinada polo propio Ramom; e mais un fermoso artigo que este amigo focego-alfocés escribiu nestes días tan evocadores: Manuel María: poeta con alma de galego.
Decátome agora, de que comecei este texto coa misión de agradecer a un labrego e a un escritor uns inesperados regalos, mais vexo, que a memoria me chamou á atención nos últimos parágrafos para que Suso Fernández (a quen nomeei en repetidas ocasións nas disertacións do 15 e o 17 de maio) non ficase sen unha merecida mostra de gratitude.
Xa que logo, moitísimas grazas a estes tres amigos: Un labrego, un escritor e un libreiro?
Estamos no ano de Manuel María, afágamonos a estas fermosas casualidades.
LIONEL REXES
Imaxe: Finca Galea
|