 2016 é o ano de Shakespeare; non menos de Cervantes; tamén de Cela, de Rubén Darío, de Valle-Inclán e de Castelao; e ben seguro, de moitos literatos máis que naceron, morreron, publicaron ou se exiliaron nun ano rematado en 6.
Convén lembrar ?é un dicir- que en 1936, moitas persoas (creativas ou non) tiveron que abandonar forzosa, apresurada, temporal ou definitivamente o chan, a identidade, a arte, a lingua e moitas outras posesións que os totalitarismos adoitan consideraren perniciosas. Tamén a vida.
Hai 85 anos, a Cultura foi condenada a un arresto domiciliario de varias décadas; se cadra por iso agora conmemoramos efemérides coma quen celebra o aniversario dun fillo, ou a despedida de solteiro dese mellor amigo que xamais leu a Valle, nin a Cela, e moito menos a Shakespeare.
Nin os lerá nunca, por moito que a TVE nos meta polos ollos a Fernando Rey, un coruñés con helmo e lanza; combatente republicano, prisioneiro de guerra e quixote.
Eu xa avisei, artellar conmemoracións nun ano rematado en 6 pode traer rabo. Mellor ca ninguén expresouno o poeta Juan Gelman: ?Para os atenienses o antónimo de esquecemento non era memoria, era verdade?.
Non debemos conmemorar tamén a morte ?nada natural- de García Lorca?
2016 é un ano literario, de efemérides e autores que marcaron épocas, fitos e porque non dicilo, tamén mitoloxías arrastradas até a actualidade. Non en van, o autor de El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha, ten nado en varios lugares distintos, tamén nalgún concello do noso país.
Sexa como for, por algún camiño tiveron que chegar até don Miguel ?iso é incuestionábel- dous apelidos de liñaxe e etimoloxía galegas. Con todo, a vella Complutum ten gañado o preito con anterioridade á controversia.
Confeso que tales mitomanías non dan xerado ningunha ardencia en min, xa que sempre considerei que a pertenza a un lugar ou a unha cultura é cuestión vinculada ao voluntarismo e non ao azar. Despois de todo, nacemos onde nos paren.
Nos catro meses que levamos do 2016, chegaron á nosa mente e aos nosos fogares ?a través de diversos medios de comunicación- centos de noticias, filmes, documentais? referidos aos autores homenaxeábeis ou a algunha das súas obras inmorredoiras. Mais, entrou algún libro? Si, tamén serve electrónico. Entrou?
Toda esta demostración de exuberancia literaria está moi ben, mesmo queda elegante nunhas latitudes onde se considera Cultura calquera espectáculo de lecer. Aínda que, sexamos serios, existen amplos sectores que permanecerán indiferentes ás badaladas de canto cabodano teña lugar, neste ano ou nos sucesivos.
Mesmo haberá individuos que acaben por odiar certas referencias cultas, após un bombardeo mediático que puido ser responsábel do rabenado dun noticiario deportivo, ou quen sabe se da interrupción temporal dun ciclo de cinema español dos ?60.
Cómpre ter presente, que algún dos herdeiros do autor de Rayuela, decretou en 2014 deter os fastos do Ano Cortázar, temendo que moita xente chegase a detestar a don Julio.
Coido que en vindeiros cabodanos literarios ?que non teñen por que acabar en 6, meigas fóra!- os organizadores e convocantes das efemérides literarias deberían contemplar unhas actividades destinadas a ámbitos concretos, nomeadamente para garantir o éxito da celebración e non ficar coa sensación de ter desbaldido fondos públicos.
Centros de ensino, bibliotecas, locais societarios, museos ou centros culturais deberían se converter en principais beneficiarios dunhas campañas, que en ocasións choven sobre terreo impermeábel.
É posíbel que esteamos a gañar neste ano 2016 algúns adeptos á causa literaria; enténdaseme: lectores ocasionais, lectores definitivos, respectuosos coas letras, nenos que pousan o mando do videoxogo e abren un tebeo? Mais debemos calibrar a que prezo e con que puntaría; e mais con que acerto e baixo que premisas e obxectivos.
Conmemorar, conmemoraremos, si. Mais, como? E, para quen?
É preciso comezar por aí.
Propoño un exercicio; individual, mesmo introspectivo. Non teremos por que exteriorizar o resultado da sondaxe, nin sequera as causas do resultado.
Ollo! Imos viaxar á intimidade dos nosos instintos e preferencias literarias:
-Dos autores citados anteriormente ?exceptuaremos a Cortázar por non estar no seu ano-, temos lido algunha obra completa de cada un deles?
-Témolo previsto?
?Non se soubo o que lle respondeu o vello?.
Imaxe: Castelao en Bos Aires, traballando nas máscaras para a representación da súa obra Os vellos non deben de namorarse.
|