Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
AS CALENDAS MINDONIENSES DA LITERATURA - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

AS CALENDAS MINDONIENSES DA LITERATURA
Mondoñedo é poesía, aquel evento nado hai dous anos, prospera decididamente, e non medra aos poucos, non.
Edición tras edición, a cita móstrase irrecoñecíbel na súa magnitude, continuando porén, fiel ao espírito primixenio.
Mondoñedo é poesía conserva e alimenta a súa vocación mindoniense-mariñá-galega-universal coa que foi concibido; logrando en cada ocasión, convocar, amais dos imprescindíbeis poetas da contorna, nomes destacados no panorama xeral. Deste xeito, puidemos escoitar versos en boca de Darío Xohán Cabana ou gozar dun emotivo espectáculo do dúo Aldaolado.
Por certo, Lucía Aldao e María Lado coñecéronse nun congreso de escritores celebrado en Mondoñedo no ano 2001. A feliz conxunción foi narrada -coa simpatía habitual- a un entregue e numeroso público, apousentado xa na anoitecida no Auditorio Pascual Veiga, após ter desafiado durante dúas xornadas un nordés tan xélido coma poético.
Desta volta o acto -que xa conta cunha lexión de adeptos- delongouse durante dous días completos, véndose reforzado cunha feira do libro que a organización denominou Expo-libro, e na que puideron presentar as súas obras unha ducia de autores.
Mais si, a camiñada que deu lugar á celebración anual tivo lugar o 1 de maio, coma sempre. E os poetas botáronse ás rúas de Mondoñedo e vestiron de versos os beizos das roseiras cunqueirás, aquelas dos días máis felices, coma estes d?As Quendas mindonienses.
Un posto de libros de ocasión fíxome sucumbir a unha tentación na que adoito caer, e grazas a Mondoñedo é poesía, a miña biblioteca conta agora co volume Escolma de poesía A. Iglesia Alvariño, unha antiga edición da Editorial Galaxia onde se recollen as dúas obras senlleiras do abadinense; Corazón ao vento e Cómaros verdes.
De novo, hai que felicitar o colectivo Mondoñedo é?, por ter levado á rúa versos e autores, lectores e amadores, músicos e cantores; xa que logo LITERATURA-CULTURA-POBO. Arbres vellos que é preciso coidar decote para evitar posíbeis depredacións, parasitismos, secas, lumes, esgazaduras ou machados mutiladores.
Xa que estamos nas calendas de maio, celebremos a chegada da luz agarimando a enramada das nosas letras, pois que aínda somos donos da abidueira, da dorna e da ponte e da fonte.
Aí vén o maio, e a presente primavera fai o número?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2016 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0