Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FAMOSAS NOVELAS
Non. Non vou falar daquela colección de volumes da Editorial Bruguera na que moitos descubrimos a Salgari e a Verne; en banda deseñada e con encadernación de luxo.
Vou referir dúas lecturas recentes: La sombra del viento, de Carlos Ruiz Zafón e La víspera de casi todo, de Víctor de Árbol.
Debo remontarme ao Nadal de 2004; momento en que fun agasallado coa novela de Ruiz Zafón, daquela en plena campaña de difusión e venda. Teño presente a altura cronóloxica do regalo pola adicatoria que figura na anteportada do libro: “Urte berri on! Feliz 2005!”.
Comecei a ler a novela daquela, e non lembro por que, abandonei a lectura, deixando un marcapáxinas como testemuña da deserción.
O mes pasado, considerei que chegara o momento da reconciliación con La sombra del viento; retirei o separador da páxina 41 e retomei o labor. Desde o principio da obra, por suposto.
Que achei nesta cumprida narración de don Carlos? Unha novela concibida a xeito de fórmula matemática, onde todo cadra e ningunha incógnita fica sen despexar. Estamos ante a ecuación perfecta.
La sombra del viento é un produto onde a arquitectura, a enxeñaría e a decoración literarias, amosan unha factura formidábel.
A miña pregunta –retórica- é: Procura iso o lector? Ou busca algo máis distante do requintamento da tese doutoral? Acaso algo máis próximo ao latexo vibrante da novelística incubada na alta literatura? Esa rama que pretende algo máis có entretemento.
E hai uns días, revisando a sección de novidades da miña biblioteca de referencia, topeime coa obra gañadora do Premio Nadal 2016. Sen pensalo, demandei o seu préstamo, co obxectivo de descubrir que caste de literatura andan a premiar por Barcelona.
La víspera de casi todo non é un exemplo semellante ao caso que vimos de describir. Podemos dicir que a trama móstrase máis esfiañada –seguramente adrede- e inconstante. Os escenarios aparecen convenientemente datados e ubicados na xeografía –a modo de diario-, bo exemplo de que don Víctor pensaba na comodidade do futuro lector mentres artellaba a novela.
Achei na trama moita inspiración no cinema de intriga e misterio, mesmo algúns lances que me evocaron títulos concretos; mais nada merecente de ser apuntado no apartado das eivas.
Atopamos tamén algunhas referencias cultistas que por veces poden resultar forzadas ou pouco oportunas, mais non supoñen fragmentos que o texto requira expeler de xeito manifesto.
Contra a metade do relato, a novela experimenta un xiro maxistral, creo que é aí onde radica o valor dun título que tenta mexer varias subtramas, algunha delas emparentada con episodios históricos que procuran completar -ou cando menos complementar-, unha narración algo extraviada por momentos.
Mais, non desexamos propinar ningún guindón de orellas ao flamante Premio Nadal senón todo o contrario, felicitalo.
Aínda que, este ex-funcionario da Generalitat de Catalunya, que se gaba de ter viaxado por Galiza e gustar do noso país, non vai marchar sen unha reprimenda; merecida, por non ter respectado na obra o topónimo oficial da Coruña.
É de sobra coñecido que boa parte da acción desenvólvese entre a Costa da Morte e a cidade herculina; debe, xa que logo, enorgullecernos que un autor foráneo escolla o noso territorio para dar vida aos seus personaxes, mais, acho que pouco se imbuíu don Víctor de nós e do noso; pois que a trama de La víspera de casi todo podería suceder en calquera outro mar e en calquera outra costa. Serviría un lugar de elevados cantís e mar bravo, ubicación que don Víctor denominaría Punta Caliente, tal e como bautizou unha localidade ficticia do oeste galego para a obra que nos ocupa.
Punta Caliente? Frío, frío.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2016 14:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal