Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ESVAECENDO A TEBRA
Nestes días e nestes meses falarase -xa se fala- de xeito recorrente de Manuel María; da súa obra e das súas contribucións. Chegamos desta volta a unhas Letras Galegas adicadas a un persoeiro nada remoto nin extraído de tempos afastados; nin fagocitado pola guerra, o exilio ou a emigración; aínda que, varios destes fenómenos e accidentes históricos non lle foron alleos, por activa ou pasiva, ou por solidariedade de activista.
Son moitos os galegos que poden afirmar ter gozado dunha conferencia de Manuel María, dun recital, dunha lectura, dunha conversa, ou dunha cea en irmandade patriótica.
Algúns mesmo, poderemos presumir de ter experimentado todas estas variantes de encontro; ao cabo, nada difícil tratándose dun galego comprometido, que non dubidaba en acudir alí onde demandaban a súa voz baril e a súa fasquía de escritor prototípico.
Tratarei de sumarme á conmemoración sen caer na reiteración de contidos xa expostos ou susceptíbeis de se publicar en días sucesivos nos xornais, bitácoras e publicacións varias.
O ano pasado, un amigo plenamente vinculado ao eido literario, regaloume un exemplar dunha revista ourensá que presumo extinta, trátase de Follas Secas, unha publicación subtitulada Información, Creación e Humor, dirixida por Xosé Manuel del Caño e Manuel Díaz Olleros.
Malia non figurar na devandita revista ningún tipo de artigo editorial, entendo que estamos diante dunha publicación eminentemente literaria. O nome da cabeceira outórganos pistas evidentes: a sección adicada ás novas cínxese aos libros editados no momento e ademais, o contido do devandito exemplar, ocúpase case de xeito monográfico –figura tamén un extenso artigo de Franco Grande sobre Cunqueiro- da traxectoria de Manuel María.
Podería supor este número de Follas Secas unha perfecta homenaxe ao chairego no seu ano, mais, estamos a falar dunha revista datada en xaneiro-marzo de 1987.
Transcorreron 29 anos desde a publicación destes artigos de Camilo Gómez Torres, Manuel Lourenzo, Manuel López Foxo, Francisco José Velozo e María Pilar García Negro.
Textos todos, focalizados nas vivencias e na produción literaria dun Manuel María con póster central!
Mais non é a única fotografía ofrecida pola revista; o autor aparece en diversos lugares acompañado de numerosos intelectuais: Con Pimentel e Fole no Pazo de Romeán, con Felipe Senén en Grecia, con Paol Keineg na Bretaña, con Celso Emilio, Darío Xohán Cabana, Novoneyra, Maside, Díaz Castro… E por suposto, con Saleta.
Cómpre salientar a inclusión dunha imaxe que subliña o compromiso adquirido polo autor desde ben cedo; trátase dun documento expedido polo “Ministerio de Información y Turismo” en 1970, onde se pode ler que “(…) no es aconsejable la edición de la obra titulada Auto do casamento, Goberno e Xusticia do rei Bululú”.
Case tres decenios despois, parabéns para os artífices do número 12 de Follas Secas.
Viaxemos agora até algunha das xeografías visitadas polo escritor. Xa temos dito aquí que a Finca Galea, de Alfoz do Castrodouro, é un espazo –amais de turístico e enxebre- con reminiscencias literarias. Non en van, na publicidade do devandito complexo figura un artigo de Manuel María gabando o verxel alfocés creado por Emilio Méndez Corral.
E foi nese lugar onde nos anos ’90 tiven o pracer de saudar o autor escollido para simbolizar as nosas letras no presente ano.
Suso Vaamonde entoaba himnos de amor e loita na illa fluvial da Finca Galea, nesta banda do río compraciámonos os adeptos á causa dos bos e xenerosos -e rebezos-; e nese instante máxico, Ramom Reimunde chamou a Manuel María para que me ofrecese o seu saúdo.
Non moito tempo despois asistín a unha cea en Foz, onde o chairego foi agasallado cunha placa que rezaba: Manuel María, bo poeta mellor galego.
Antes de acceder ao comedor da Casa do Mar, aínda puidemos escoitar a don Manuel María recordando os tempos da Ditadura, e mais a súa visión persoal do ditador. Fica para unha ocasión menos solemne esta referencia.
Explicitaremos en troques a suxestión proclamada nunha entrevista televisiva nos días en que a OTAN comezou a bombardear Kosovo: No canto de sementar bombas, liberar poemas.
Hoxe, as publicacións como Follas Secas -humildes mais coa función de encher ocos culturais-, foron substituídas polas bitácoras da Rede, aínda que, sen romanticismos innecesarios nin melancolías puerís, considero e pregóo que resultaría perfectamente factíbel manter publicacións desa caste; vinculadas a unha temática concreta e sostidas por suscritores fieis. Encanto e comodidade avalan tal proposta.
O outono chegou para aquelas publicacións e as follas tornáronse caedizas, do mesmo xeito chegou o derradeiro outono –aínda case verán- para Manuel María en 2004. Mais o cantor legounos a palabra, para que nós, ceibemos a fala, e a terra; pois que “precisamos a lingua se queremos vencer”, mais precisamos resistir se desexamos continuar a existir.
O noso pobo, ten obtido boa nota na Escola da Tebra, cómpre agora matriculalo nas aulas maxistrais da luz e a clareza, cultivadas tamén por este muiñeiro de brétemas e lanceiras.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-04-2016 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal