Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VIVA O TEATRO! VIVAN AS POLAFÍAS!
Viva o teatro! Esa foi a proclama lanzada en Mondoñedo o 2 de abril. Pronunciouna a poeta local Margarita Bermúdez, obtendo o asenso do nutrido auditorio da Casa da Xuventude, onde as xeracións se mesturaron para coñecer unha figura mindoniense perdida na fraga do tempo e a alienación sociohistórica, Manuela Rey.
E é que, desde agora, cando queiramos falar da dramaturxia ibérica no século XIX, deberemos citar Mondoñedo sen escusa.
Mais non é o noso obxectivo reflectir aquí a información que se nos transmitiu no evento Manuela Rey, a memoria dun mito, xa que esa función desenvolveráa perfectamente a Asociación de Escritores en Lingua Galega no seu espazo dixital www.aelg.org, onde estará ao dispor de calquera a gravación da polafía mindoniense.
Que é unha polafía? Un acto inspirado nos antigos encontros populares do mundo rural, onde a tradición oral se enseñoraba nas linguas que nos legaron a memoria e asemade na lingua de noso.
Porque a lingua de noso foi vindicada e desagraviada reiteradamente durante o evento, nomeadamente polo dramaturgo Manuel Lourenzo, quen non desaproveitou a ocasión así mesmo, para ilustrarnos sobre as orixes do teatro galego.
Mais non só se fixo referencia á arte dramática de xeito teórico, tamén tivo lugar a representación dunha peciña grazas á polifacética parella formada por Francisco Piñeiro e Paz Rodríguez Silva, responsábel de que o teatro amador na Mariña constitúa unha potencia cultural.
Acougo de ánimas –título da devandita peza- dramatizou un suposto episodio da existencia de Manuela Rey, pois que na vida desta actriz mindoniense -falecida en Lisboa con 23 anos e sendo xa un símbolo do teatro portugués- o mito alimenta unha historia que non acaba de ensamblar vieiros cara á fixación biográfica. Estivo algunha vez agochado Pedro V de Portugal nos eidos mindonienses? Aí temos a lenda –ou a realidade!-, velaquí a grandeza da tradición oral.
E xunto aos participantes xa mencionados, foron aparecendo Chus Amieiro, Andrés García Doural, Isidro Novo, Alberte Núñez, Fran Bouso, Lino Rico, Nara Carballal ou Xulia Nogueira; achegando, segundo as súas habelencias e coñecementos: historia, música, poesía, canto, e en definitiva Cultura; nun serán no que o ceo fixo avantar a auga dos séculos -e dunha primavera aínda desprecatada- polas rúas de Leiras, de Díaz Castro, de Noriega, de Iglesia Alvariño, de Díaz Jácome, de Cunqueiro…
Non é de estrañar que agora a AELG e hai ano e medio o Centro PEN Galicia, teñan escollido a moi nobre e leal cidade para as súas cerimonias, pois que Mondoñedo ten achegado –e achega!- á literatura tanto coma calquera urbe principal.
No caso que nos ocupa, a Asociación de Escritores en Lingua Galega contou co apoio do colectivo local Mondoñedo é…, cuxo nexo mindoniense represéntao Antonio Reigosa –cronista oficial da cidade-, quen exerceu, ademais, como mantedor do evento.
Non hai mellor lema nin estandarte máis honesto: Viva o teatro! Vivan as polafías!

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2016 16:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Prezado Lionel:
Como organizador desta polafía e como cronista, quero deixar aquí público agradecemento ao que dis sobre este acto, e, de paso, á xenerosidade que sempre#blgtk08# dispensas para coass actividades culturais que teñen lugar en Mondoñedo.
É de xustiza recoñecercho, e procurar que se saiba.
Unha aperta agardecida

Comentario por Antonio Reigosa (04-04-2016 09:53)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal