Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TROYLO
Eu era pícaro cando a televisión deu en falar da morte dun can que acadara gran sona grazas ao protagonismo gañado nunha columna de prensa. Tratábase de Troylo, un salchicha que deixara orfo de compaña canina ao escritor Antonio Gala.
Troylo convertérase nunha estrela grazas aos artigos xornalísticos nos que o seu amo o invocaba e nomeaba casemente, coma se dun íntimo amigo se tratase. Mais eu daquela non lía a prensa, limitábame aos textos compilados no manual Lecturas escolares da Editorial Miñón, grazas ao que me familiaricei coa narrativa de Wenceslao Fernández Flórez ou coa poesía de Gabriel y Galán, por exemplo.
Lembrei sempre o nome daquel canciño literario e real, e durante moitos anos, cando don Antonio aparecía nos medios engaiolándonos co seu verbo delicado, metódico e meditado, eu lembraba a emoción que percorrera a opinión pública o día que Troylo morreu. Aquel loito mediático delongouse durante semanas, e quero crer que achegou argumentos á sensibilización dunha sociedade pobremente concienciada no respecto cara aos animais.
Non hai moitos días que todo isto se me aviveceu na memoria grazas a un encontro casual. Entre os libros vellos dun posto ecléctico e ambulante resucitou Troylo.
Ben, realmente o que achei foi Charlas con Troylo, título tomado da sección de El País Semanal para a que o home dos bastóns escribiu entre o devalo dos setenta e o abrente dos oitenta.
Tras relear coa tendeira e obter un descontiño xeitoso, adquirín o compendio de reflexións galianas compartidas co famoso canciño.
Troylo representa nos devanditos textos a desculpa necesaria que obriga o mundo a escoitar aquilo que de seguro non desexa ouvir.
Descubrimos nestes artigos un Antonio Gala anoxado coa sociedade, ou polo menos con esa parte que aínda non descubriu que vive, precisamente, en sociedade.
Encontraremos referencias cultas, riquísimo e antigo castelán, retratos sociais daquelas xeracións que non acababan de se convencer da extinción da Ditadura, certa resignación ante unha morte que o escritor supoñía próxima e que case corenta anos despois, afortunadamente, continúa a eludir, e outros lóstregos que o lector descubrirá ao se achegar a un libro de época.
Charlas con Troylo editouse en 1981, poucos meses despois da desaparición do animal e compilando os artigos que fixeron del un inmortal monumento á amizade entre individuos de distintas especies. Na presentación do libro, animouse a que o público fose acompañado dos seus cans.
O volume que veño de adquirir é un exemplar do Círculo de Lectores publicado en 1992, prologado por Andrés Amorós e ilustrado por Julián Grau.
O lector galego, inevitabelmente, asociará os devanditos textos con aqueles artigos de La Voz de Galicia asinados por Carlos Casares e inspirados polo gato Samuel.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2016 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal