Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CANDO A CULTURA SE ADQUIRÍA A TRAVÉS DE COPLAS E ROMANCES
Xa temos falado aquí da inxente contribución da literatura oral en todos os tempos e latitudes ás culturas do mundo; mais houbo épocas en que, nuns fogares con poucos ou ningún libros, coa educación instaurada coma un luxo ou limitada aos primeiros anos de vida do individuo, e cuns medios de comunicación inexistentes ou polarizados nos circuítos urbanos, a tradición oral achegaba a formación que doutro xeito non chegaría a certos estamentos sociais e a amplas áreas xeográficas alleas ao interese ou influxo institucional.
Na Galiza dos anos ’40 do pasado século, circulaban centos de coplas e romances recreando, tanto lendas medievais (Xenoveva de Brabante), como sucedidos macabros (o defunto “asaltado” polo bandido Mamede Casanova), e por suposto, episodios da etapa bélica ou prebélica (“La receta salvadora la tiene el doctor Azaña / de Azaña 32 gramos y otros tanto Caballero…”), tinguidos convenientemente polo bando que puña en tránsito a composición en cuestión.
A presenza de numerosas composicións en castelán na Galiza rural, indica un factor que merece estudo alén da dimensión literaria.
Foi onte mesmo cando, escoitando unha opinión autorizada sobre os argumentos máis presentes na obra de Shakespeare (nun programa de televisión! Aínda hai esperanza!), unha persoa que adoito empregar como fonte literaria na súa vertente oral, espetou: Semella a historia de Xenoveva de Brabante.
E un servidor non se resistiu a tomar nota e atesourar, o seguinte:
“Marchó con Desdichado hacia la cueva / y se encontró allí desfallecida a su querida esposa Genoveva / Y le dice: Mujercita querida santa y buena / y tú, hijito mío de mi alma / si malo fui por culpa de un infame / dispuesto estoy en reparar mi falta / y llevados al castillo de atenciones los colmó / y aquel criado traidor castigado fue y murió en la prisión.”
Tal romance xa non se perderá, e del poderemos tirar non só o contido da lenda, senón a valiosa información sociocultural dun tempo e dun lugar (datos sobre usos lingüísticos, por exemplo), por iso é fundamental, a carón do texto compilado, rexistrar o nome da persoa transmisora, a idade que tiña cando recibiu e cantou a composición, as localidades vinculadas ás súas vivencias e calquera dato preciso para a elaboración dunha ficha de narradores e transmisores.
No momento en que me estaban a recitar a versión poética da lenda da malpocada Xenoveva, experimentei a evocación dunha narración galega, a lenda de Roxín Roxal. Certos elementos coincidentes entrambos relatos semellan aparecer virados nun espello, malia que o desenlace esboroa calquera paralelismo.
O criado traidor é un fiel namorado na lenda galega, o bo marido da narración xermánica é un home covarde na galega, mais por último, o triunfo da morte e a fatalidade dos Andrade non acha correspondencia na familia brabantina.
Institucións e colectivos culturais deben traballar incansabelmente no arquivamento e estudo desta apaixonante sección da literatura oral.

Imaxe: Reclamo publicitario do museo das lendas de Anzoátegui, Venezuela.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2016 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal