Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MEMORIA D'A MOTOBOMBA
Que o caciquismo –tamén- pode combaterse coa arte, é tan certo coma que hai trece anos tivo lugar no Bar San Pedro, en Alfoz do Castrodouro, unha representación teatral intitulada Bombeiro? Nunca Máis!, a cargo dun grupiño de activistas da Plataforma Nunca Máis, autodenominados para a ocasión Compañía A Motobomba.
Acontecía naquela época de negror nas costas e escurantismo nos despachos, que varios empregados do Concello de Alfoz, por mandato da alcaldía, adicábanse a patrullar as estradas do municipio arrincando e destruíndo toda información ou simboloxía vinculada ao célebre movemento Nunca Máis.
A Motobomba quixo converter en esperpento aquela acción que vulneraba a esencia democrática e a liberdade de expresión, mais por riba de todo, que enmerdaba a quen a executaba e mais a quen a inspiraba.
A función levouse a cabo con dous actores aficionados e o decorado non ía alén dunha mesa cunhas poucas botellas.
A obriña foi cualificada como entremés por un dos actores, alumno de arte dramática naquela altura.
Realmente, estamos a falar dunha comedia, unha sátira que espertou explosións de gargalladas no público e correntes de xenreira nunhas instancias, xa daquela caducas. Seica houbera quen se vira reflectido -ou quen sabe se se tiña recoñecido- naquel sainete alfocés.
A Motobomba tomara o seu nome do vehículo municipal de extinción de incendios, un camión todoterreo que acostumaba a chegar tarde ao lume ou mesmo a non chegar. Naqueles días, unha casa ficara calcinada ante a má xestión deste servizo e a inhibición dos seus responsábeis.
Tales sucesos tratábanse tamén nesto texto que anoxou e alimentou a zuna de certos politicastros -ou esbirros destes-, contra quen ousaba criticar e denunciar as súas putarías. A reacción supuña unha consecuencia agardada para quen puxeron en escena Bombeiro? Nunca Máis!
Aquela noite, ao ver que o pobo era quen de rirse dos que ocupaban o poder local –sen máis propósito que o beneficio propio- desde había décadas, o caciquismo perdeu un dente no Alfoz; e aos poucos foi apodrecéndolle aquela dentame que tanto asustaba a moitos administrados. Xa que logo, obxectivo conseguido.
Deste xeito, o 8 de marzo de 2003, o histórico local que hoxe ocupa –como daquela- o Bar San Pedro, voltou converterse en escenario teatral, coma noutrora.
A Motobomba non volveu actuar nin Bombeiro? Nunca Máis! a ser representada, mais nunca é tarde para rememorar tempos pasados, e se cadra superados; ou?

Imaxe: Bar San Pedro. Mor, Alfoz do Castrodouro
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-03-2016 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal