Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ANDERSEN EN GALEGO
Atopei estoutro día unha xoíña nun posto de libros usados, trátase de Contos de Andersen, unha tradución de Teresa Barro editada por Ediciós do Castro en 1983 na colección Narrativa pra nenos. Acho que tal volume ha ser mao de conseguir hoxe en día, mais nos postos ambulantes ás veces atópase algunha rareza xa desaparecida de catálogos e almacéns.
O volume está completamente novo e semella que xamais foi utilizado por ninguén, posibelmente formou parte, noutro tempo, dos fondos dunha libraría en liquidación.
Posúe o meu libro de contos unha fermosa portada de Karawane e mais unhas cantas ilustracións interiores. A serea da capa augura que un dos contos incluídos na colectánea será, sen dúbida, o coñecidísimo relato inspirado nas lendas de femias híbridas moradoras do universo abisal; conto que, segundo a tradutora, tense convertido en mito da imaxinación colectiva.
Velaí: O mito dá o conto, e este reforza ou crea un novo mito. Eis o poder da tradición oral!
Amais d’A Sireíña, conforman a compilación: Claus o Grande e Claus o Pequeno, O rexo soldado de estaño, O Reiseñor e O Parruliño Feio.
A normativa empregada por Teresa Barro naquela altura foi a denominada Mínimos Reintegrados. Casualmente, moitos termos aparecen ben adaptados á normativa vixente (sancionada en 2003 pola RAG), despois de ter sufrido “clandestinidade ortográfica” durante varias décadas.
Unha introdución pródiga en declaracións de intencións e desexos para o futuro do país –nomeadamente no eido lingüístico- inaugura un traballo que eu quixen comezar a ler polo relato das sereas, calificado como “enigmático conto” neste rico limiar; onde se nos matiza que Hans Christian Andersen afirmaba non escribir para nenos en particular senón para o lectorado en xeral.
Conclúe Teresa Barro afirmando que “Esta tradutora soña unha Galiza que resucite no futuro a arte e tradizón de contar contos. Soña unha Galiza na que se conten contos, ou se leian en voz alta, nas feiras, nas casas e nas escolas, (…)”.
Acredito nisto, comparto a arela, e confeso que xa puxen en práctica a experiencia, tamén con este volume recén chegado á miña biblioteca. Para saciar curiosidades, aclararei que o auditorio ficou agradecido, e iso que escollín un público experto en contos, e adulto.

Imaxe: A escritora e tradutora Teresa Barro

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-02-2016 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal