Vasoiras de xibarda


Cartafol de inquedanzas, experiencias e teimas literarias
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A CASA DE NÉLIDA PIÑON
Conta Nélida Piñon, que aprendeu a distinguir entre o arcaico e o ancestral na súa primeira viaxe á Galiza, non tendo chegado aínda á adultez.
Achegueime estes días á súa obra a través d’A casa da paixón, un texto nada doado e construído para ler cos sentidos todos á espreita.
Percíbese na tradución ao galego de Marga do Val que a versión de orixe foi concibida nunha lingua irmá, pois que detectei varias concesións á “variante” lusobrasileira.
A casa da paixón furga nos mitos e obsesións que perseguen o individuo desde que se emancipou da familia simia até hoxe. Todo iso que a literatura –oral, dramática…- bautizou e caracterizou con nomes como Electra, Edipo ou Hamlet.
Xa que logo, Nélida Piñon volta ao comezo para anovar o xénero novelístico, e de feito conségueo.
Estamos a falar dunha obra publicada en 2006 pola Editorial Galaxia na colección Literaria, mais trátase dun texto editado orixinariamente no ano 1972. Como foi acollida no Brasil dos ’70 unha novela con relampos de procacidade? É seguro que non todas as voces ficaron quedas ante o atrevemento desta autora.
A casa da paixón supón toda unha experiencia non apta para lectores inexpertos ou en iniciación, pois que unha redacción pouco accesíbel e por veces complexa poden distanciar un lectorado casual ou non prevido convenientemente.
Con todo, eu agardo con degoxo o momento de ler A república dos soños; onde esta filla da emigración galega emprega as vivencias familiares como argumento.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-02-2016 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal