Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

XOSÉ NEIRA VILAS, O LABREGO QUE FIXO ABROLLAR A AUGA NA FINCA GALEA
Morreu Balbino.
A Habana, Bos Aires e as galizas das latitudes todas, gardan loito por un neno que legou as súas memorias a un pobo que ás veces semella non ter superado a infancia.
Coido que foi a comezos da década do 2000 cando vin a Xosé Neira Vilas por primeira vez. Viña inaugurar unha fonte co seu nome na Finca Galea. O escritor era un dos intelectuais asiduos do verxel alfocés (Manuel María, Suso Vaamonde, Paco Rivas, Leal Bóveda…); puiden ver como algún fervente lector lle achegaba os títulos presentes na súa biblioteca particular para seren asinados, ritual ao que se prestou con gusto o emigrante de Gres. Naquela altura, aínda o acompañaba a súa inseparábel Anisia.
Algúns anos despois, no verán de 2010, Neira Vilas pronunciou unha conferencia na Casa da Cultura de Ferreira; a disertación levaba o título –ben revelador e acaído- Que lle debe Galiza á Emigración?
Falounos don Xosé da Emigración Galega e as súas resonancias, de literatura e proxectos literarios alén mar, de Xan de Masma, mindoniense autor d’A Besta!, a “primeira novela social galega” e de centos de referencias e anécdotas que ilustraron un auditorio herdeiro e debedor da sociedade habaneira “El Valle de Oro”, feito que tivo presente don Xosé, pondo colofón á conferencia coa doazón duns documentos do devandito colectivo ás autoridades locais.
Foi interrogado o escritor sobre as polémicas e porfías orixinadas pola convivencia en desigualdade do galego co castelán; e afirmou don Xosé que esas loitas dábanse nos ámbitos políticos mais non chegaban nin se reproducían entre a xente do común. Discrepo.
Foise Xosé Neira Vilas, o home de Gres. Unha testemuña daquilo que escribiu Manuel Rivas nun artigo tan lúcido coma reivindicativo: “Galiza naceu en América”.
Unha homenaxe posíbel? Ler Memoria da Emigración, tres volumes de Ediciós do Castro que atesouran unha porcentaxe nada cativa dos episodios e fitos da Emigración Galega. Na Biblioteca Pública de Alfoz -concello que visitou ben veces o autor e no que deixa amigos-, tal obra figura ao dispor dos lectores; pois que un servidor demandou este acto de xustiza hai anos.

Imaxe: Anisia Miranda, Otero Pedrayo e Neira Vilas en Bos Aires no ano 1959.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-11-2015 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal