Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MALDITOS ESCRITORES
Unha cadea de supermercados galega vén de lanzar unha campaña publicitaria consistente nunha publirreportaxe na que o protagonista é un can pastor galego. Conforme avanza o argumento, a voz narradora vai destacando vantaxes, eivas e privilexios do acervo e a idiosincrasia galegos. Chega un momento no que son evocados premios Nobel e xenios patrios, acompañando tales referencias as imaxes dos escritores Camilo José Cela e Valle-Inclán.
Resulta curioso que un anuncio no que se exalta a condición galega de certos trazos e costumes considerados exclusivos do noso Pobo, escolla –soamente- dous literatos que non empregaron (non tentemos converter en categórico o anecdótico) a lingua galega nas súas obras.
Resultaría menos curioso que a carón de Cela e Valle aparecesen as imaxes, por exemplo, de Rosalía e Castelao. Supoño que a inclusión deste último tería sido obviada en calquera caso pola bagaxe ideolóxica do persoeiro, e mesmo Rosalía de Castro podería chegar a espertar receos nos temesiños –e subxectivos- publicistas e publicitados por terse convertido en tótem de colectivos contestatarios; mais as opcións non son escasas: Cunqueiro, Curros, Pondal, Blanco Amor, Otero Pedrayo, Celso Emilio, Novoneyra… Ou porque non? Imaxes de fragmentos das composicións de Meendinho, Pero Meogo ou Martim Codax.
Suliñaremos para evitar suspicacias, que algúns destes literatos teñen cultivado máis linguas cá galega na súa produción literaria; e é de xustiza lembrar que, malia ter o señor Cela reservado un posto de honra por ser o único galego galardoado co premio Nobel, na actualidade tanto Méndez Ferrín coma Fernández Paz son candidatos a tan insigne recoñecemento.
Cando seremos quen de esconxurar a suposición de que os cultivadores do idioma galego (en calquera arte) levan o estigma da maldición ideolóxica e quen sendo galegos cultivan outra lingua pertencen ao reino da normalidade?
Neste anuncio televisivo onde se exhibe un afervoado encomio de todo o galego (agás da escrita na nosa lingua) aparecen máis cans ca literatos, se cadra é un síntoma de que os deseñadores da campaña –ou os responsábeis da cadea de distribución alimentar- non consideran que o mellor amigo do galego sexa un libro (e menos en galego).

Imaxe: Capa dunha publicación brasileira (1977).

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-11-2015 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal