Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DÍA MUNDIAL DAS BIBLIOTECAS. BOAS FESTAS!
Sei que existen persoas que xamais puxeron os pés nunha biblioteca, e non estou facendo referencia a eses estereotipos conformados por individuos alleos ao devir do mundo ou á cultura, non; falo de persoas de calquera nivel cultural, de calquera idade (non valoro como visita válida a do estudantado en procura de información para traballos escolares), e con hábitos lectores ben dispares.
Isto ten amaño. Cada 24 de outubro é o Día Mundial das Bibliotecas, e tal data pode representar unha boa ocasión para dar o paso definitivo e aproximarse a un deses estabelecementos presentes en cada concello, en cada barrio, en cada centro de ensino e ás veces en sedes de colectivos culturais.
Mais non caiamos na inxenuidade de pensar que estas instalacións soamente espertan simpatías ou indiferenza, non. A UNESCO ten desenvolvido campañas para evitar a queima de libros; lamentosos acontecementos que adoitan ser perpetrados por grupos de fanáticos ou ter lugar no medio de conflitos armados.
“Queimar libros é un ataque contra a cultura, o coñecemento e a memoria. Debemos loitar sempre contra semellante fanatismo”. Velaí a proclama da antedita institución.
Estas aberracións aconteceron onte (lembremos a historia da renacida Biblioteca de Alexandría), acontecen hoxe (lembremos o sucedido hai vinte e tres anos coa Biblioteca de Saraxevo, incendiada por orde dun profesor de Literatura enrolado na milicia!), e agardemos que deixen de acaecer mañá.
Achégase o día 24 e pode significar o momento en que algún adiáforo ás letras experimente a sensación de entrar nunha biblioteca, mirar os andeis fixándose na rotulación –narrativa, poesía, ensaio, fondo local, infantil, xuvenil, consulta…- e escoller un libro, se cadra dous; achegarse ao bibliotecario, amosar o carné da biblioteca, intercambiar uns comentos (o bibliotecario pode orientarnos, buscarnos exemplares que non deamos atopado…) e levar os volumes para a nosa casa –ou ler alí mesmo-, onde gozaremos da lectura. Se resulta que escollemos mal e non nos vemos con forzas para afrontar tales lecturas -acontécelle a calquera e nos lectores inexpertos é frecuente- non supón ningún fracaso, só debemos voltar á biblioteca, devolver os volumes desbotados e escoller outros títulos; non está de máis deixarse aconsellar por amigos, coñecidos ou persoas vinculadas á literatura (ávidos lectores, libreiros, escritores, editores, bibliotecarios…), ou procurar información en revistas especializadas, webs, etc.
Coido que é o momento acaído para narrar unha anécdota que me aconteceu hai ben pouco na biblioteca municipal do meu concello.
Cheguei á biblioteca coa intención de facerme cun volume de La hojarasca, novela de Gabriel García Márquez publicada en 1955 -seica nesta obra aparece Macondo por vez primeira-.
Procureina no andel onde a supuxen pronta para os numerosos garciamarquianos locais; pedinlle axuda á bibliotecaria; buscamos os dous a un tempo coma sabuxos… Mais semellaba que La hojarasaca se extraviara entre a folla… Cousas do outono.
A bibliotecaria aseguroume que había revisar ben os andeis para que eu puidese retirar a devandita novela noutra ocasión.
Cando voltei para devolver un libro xa lido, a bibliotecaria constatou o que temiamos, La hojarasca desaparecera da biblioteca, se cadra arrastrada polas temperás airexas deste outubro.
Lembrei nese instante unha mesa redonda televisiva na que un dos participantes narrara a escena que vivira nun aeroporto había escasos días. Cacharan unha rapaza roubando un libro nunha das tendas do espazo comercial. A aseveración doutro dos membros do coloquio foi categórica. A esa moza non deberan denunciala nin amoestala senón darlle un premio.
A biblioteca do meu concello xa encargou a compra dun exemplar de La hojarasca nunha libraría da bisbarra, nuns días comezarei a gozar de don Gabriel, outra volta.
Saben cal é unha das experiencias máis fermosas que pode ter lugar nunha biblioteca? Doar unha obra propia. Permítaseme a vaidade.

P.S.: Se algunha vez lle emprestan un exemplar de La hojarasca co cruño dunha biblioteca municipal en cuxo escudo aparece o castelo do Castrodouro, non lle dea un premio ao “propietario”, soamente facilítelle a lectura da presente reflexión.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-10-2015 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal