Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

FOGAR DE PONDAL
Antes de describir o privilexio experimentado ao visitar a casa onde viu a primeira luz Eduardo Pondal, convén aclarar que non se trata dunha casa museo senón dunha vivenda particular habitada, e malia estar sinalizada e formar parte dos recursos turísticos de Ponteceso, non estamos a falar dun estabelecemento aberto ao público en xeral.
Mais, os contactos e a boa vontade obraron a milagre. Así, un reducido grupo de visitantes puidemos acceder ao interior dun fogar onde o escritorio actual é o mesmo que empregou don Eduardo, a quen por certo, os moradores de hoxe denominan dese reverencial xeito: Don Eduardo.
Recibiunos Tito no adral da casa pacega, onde o cruceiro dá a benvida ao curioso que se achega para interpretar unha placa datada en 1981, na que os versos do bardo nacional rememoran o seu nacemento na “pequena Ponteceso”.
Entramos na magnífica construción, e virando á esquerda accedemos ao devandito cuarto das letras. Deitamos a ollada en mobles de época, libros antigos, un mapa en relevo da Costa da Morte cargado de historia e retratos da familia Pondal; a ávida curiosidade é saciada polas amabilísimas explicacións de Tito, mais, entra alguén na estancia… Alguén que non adoita presentarse ante os escollidos visitantes da mansión, trátase de don Xaime, un pándego e xentil nonaxenario, bisneto de don Eduardo Pondal.
Foi don Xaime quen nos contou que o autor da letra do Himno Galego, seu bisavó, malia ser médico ou precisamente por iso, sentía gran repulsa polos microbios. Dunha volta, acompañando o poeta a unha súa moza, aconteceu que a rapaza caeu nun regato, ante a petición de auxilio, don Eduardo contestou que o seu rexeitamento polas augas infectas impedíanlle tocar calquera cousa que puidese transmitir microbios… E ese día rematou o noivado.
Achégase o mediodía e don Xaime ten que asistir á misa dominical, mais Tito aínda nos amosará unhas fotografías das distintas fases polas que pasou a edificación ao longo da historia. E tamén nos mostrará os espléndidos xardíns pacegos, o recuncho preferido de don Eduardo coa mesa pétrea na que ben seguro compuxo centos de poemas, árbores traídas de afastados lugares, o pombal, a palmeira de don Eduardo xa mutilada polos temporais…
O río Anllóns déitase no Atlántico a escasos metros do lugar, custodiado pola ponte que é símbolo e orixe da vila. Alí, hai pouco máis de cen anos, Eduardo Pondal deitaba tinta fecunda para inmortalizar os soberbios piñeiros que inzan aínda hoxe a bisbarra toda.
Ponteceso posúe un peculiar método de orientación para visitantes, trátase dunha sucesión de pedrafitas coa efixie de Pondal; a faciana do bardo olla na dirección que o camiñante debe tomar para seguir a ruta literaria.
A vila de Ponteceso valora e aproveita acertadamente o feito de ser berce dun emblema das letras galegas; este exemplo debería telo en conta algunha vila que aínda non deu coa maneira de mostrar ao mundo o patrimonio literario que atesouran as súas rúas e inmóbeis.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-10-2015 09:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal