Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O AGGIORNAMENTO DA TRADICIÓN ORAL
Se cadra, xa nunca poderemos falar dunha literatura de tradición oral no estrito senso do sintagma. A tecnoloxía de hoxe en día facilita que as lendas urbanas circulen vertixinosamente até afluír en computadores e teléfonos móbiles, ao contrario daqueles tempos orixinarios nos que o conto ía flutuando de boca a orella durante séculos sen máis soporte que a voz humana, e ocasionalmente algunhas copliñas distribuídas en letra impresa.
Esa é grande mudanza de hoxe en día, mais a tradición oral non morreu nin morrerá endexamais. Desaparecerán as lareiras todas, as xuntanzas de anciáns supersticiosos, os eventos organizados por nostálxicos do tempo das conversas… Mais os contos continuarán a advertir, a amedrentar ou a crear mitos, tan infundados como emparentados coa condición humana.
Comenta Antonio Reigosa (auténtico prócer da literatura oral na Galiza) nas súas amenas disertacións, que na actualidade, os bazares chineses (ou sinxelamente a presenza destes comerciantes de orixe asiática nas nosas rúas) son orixe de lendas urbanas cun denominador común e emparentado coas lendas doutrora, a desconfianza cara aos foráneos.
Isto non é novo, as comunidades extranxeiras ou con trazos distintos á maioría, sempre constituíron o albo de receos e temores; xa que logo, tornáronse en inspiradores –involuntarios- das lendas con mensaxe admonitoria. O refraneiro galego non é alleo a este fenómeno.
Eu mesmo fun testemuña auditiva do xurdimento dunha lenda actual; vinculada aos comerciantes chineses e aínda en fase embrionaria.
Aconteceu o ano pasado. Estando traballando temporalmente en Mondoñedo, asistín ao desacougo provocado entre os tendeiros locais pola presenza de varios chineses interesándose por locais en alugamento e datos demográficos da vila.
A anguriada propietaria dun bazar do país relatou a azueira que lle chegara por vía oral verbo dos negocios desta temíbel competencia:
-Seica nunha árbore de Nadal mercada nos chineses apareceu un billete de 500 euros.
O conto, lenda ou relato fabuloso, garda os factores básicos da lenda tradicional. Por unha banda descríbese un feito que ao primeiro pode semellar atractivo (as riquezas que custodian e prometen os encantos, as ninfas…) e asemade encerra un perigo, pois que do mesmo xeito que o adquirente achou cartos de contrabando, podería ter introducido no seu fogar calquera outra mercadoría clandestina (a morte ou desaparición misteriosa da vítima provocada polos enganos dos encantos ou erros cometidos no proceso de consecución da fortuna). A mensaxe subliminar que agocha a lenda trata de advertir do risco que corren os seareiros desa caste de comercios, supostamente rexentados por clans paralegais (a natureza sobrenatural do encanto é distinta da natureza humana da vítima); os productos mercados a baixísmo prezo poden saír caros máis tarde (non se deben tomar atallos para chegar á riqueza decontado, pois o seu gozo –de conquerilo- sempre será breve, como acontece co ouro obtido nalgunhas lendas tradicionais).
É dicir, debemos evitar certas tendas que atoparemos transitando pola rúa malia que posúan engados difíciles de rexeitar, do mesmo xeito que hai cen anos debíamos evitar certas pontes e fontes onde as anas louras e outras criaturas de cabelos dourados nos tentaban con fortunas que poderían resultar ben caras.
E por suposto, maniféstase o factor indicado ao comezo, a condición foránea duns comerciantes cos que non se comparte nacionalidade, etnia, lingua, cultura nin costumes. Lembremos os baluros da Terra Chá e a literatura creada en torno a eles.
Coido que ningún bazar chinés se chegou a instalar en Mondoñedo, mais a tentativa deu orixe a unha lenda; proba de que a tradición oral está viva, malia que non reparemos nela cando a recibimos sen vernizar pola mitoloxía e somente tinguida das actuais inquedanzas e conxunturas sociais, económicas ou políticas.
Do mesmo xeito, as aparicións “fantasmais” máis comúns na segunda metade do século XX xa non eran as protagonizadas por espectros retornados do outro mundo, senón por futuristas naves procedentes do espazo exterior.
Xa non recibimos nin transmitimos estas narracións ao redor do lume do lar, nin en pausadas xuntanzas veciñais na cafetaría do barrio; hoxe, unha boa parte destes “contos de vellos” circulará polas redes sociais e a mensaxaría telefónica, mais conservando a mesma estrutura e perpetuando idénticos medos e cautelas.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2015 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal