Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

OS LIBROS PORFILLADOS
Tamén poderiamos chamarlles libros resucitados; son, sinxelamente libros usados e desbotados que acabaron nos circuítos comerciais dos mercados ambulantes, outorgándolles deste xeito a oportunidade de se converter nun obxecto con novas e múltiples vidas; pois cómpre lembrar que un mesmo volume pode ser lido por varias persoas, pode chegar a ser o centro de atención nun clube de lectura, pode supor un agasallo (tamén un libro usado, por que non?), ou pode chegar a significar algo importante para o novo adquirente.
Nos mercados vilegos semanais é frecuente encontrarse con postos de libros vellos, ou mellor dito, libros dos que algúen se desfixo, xa que é posíbel dar con volumes ben coidados ou mesmo novos do trinque; en ocasións trátase de restos de librarías que botaron o pecho.
Na Mariña adoitan ser xitanos procedentes de Asturias quen rexentan estas librarías ambulantes; realmente humildes postos de longas mesas ateigadas de literatura, onde o transeúnte poderá escoller entre edicións ad hoc para o acompañamento de xornais, volumes editados polo Círculo de Lectores ou os alaranxados libros da Colección RTV, aquel histórico proxecto da Editorial Salvat. E cheguei a descubrir libros cruñados por bibliotecas públicas! Desprecatamento ben reprobábel.
É doado dar con títulos que marcaron a historia da literatura, encontrarse de fronte con ese libro que andas buscando e que as librarías convencionais eliminaron dos seus andeis por presións da política editorial imperante, ou achar volumes dos que non tiñas noción algunha.
Outra grande vantaxe destes postos de libros feirantes é o prezo, ás veces irrisorio. Ademais, tratar con estes corteses e solícitos libreiros xitanos anima a mercar e fomentar este fermoso comercio dos libros remanecidos.
Hai uns días visitei unha destas tendas sen andar á procura de nada concreto, só da emoción de remexer na morea de literatura orfa e desexosa dunha ollada lectora. O feirante non tería máis de dezaseis anos, era atento e cordial, aínda que se lle coñecía a falta de experiencia á hora de pregoar a mercadoría ou insistir no necesario remexido e debrocado dos volumes á venda. Secasí, tras demandarlle un prezo axustado polos varios exemplares que viña de adoptar, o mozo libreiro regaloume un.
Nesta larada de libros desamparados chegaron á miña biblioteca Moll Flanders, de Daniel Defoe; El sabueso de los Baskerville, de Arthur Conan Doyle; Diario de un emigrante, de Miguel Delibes; En el balneario, de Hermann Hesse ou El rey Lear, de William Shakespeare; e mais unha rareza da que non ouvira falar: Los emigrantes, de J.B. Filgueira; por certo, autor galego que abre a súa obra cun verso de Rosalía de Castro.
Se teño que sinalar unha eiva desta caste de postos é a case nula presenza de literatura en galego (carencia que presumo motivada pola orixe foránea destes libreiros ambulantes), con todo teño atopado algún título na nosa lingua.
Mentres remexía estoutro día entre os centos de libros de saldo, escoitei os comentos dunha muller que viña de se atopar cun volume en inglés, e lembro que foi nun destes postos de xitanos asturianos onde adquirín o meu primeiro libro en llingua asturiana, trátase de El nome de Roselina, de Carmen Gómez Ojea, un texto destinado ao público xuvenil.
Non se trata dun mercado de antigüidades malia que poida aparecer algunha, xa que teño visto exemplares de fasquía vetusta, mais non é o produto principal.
Quen padecemos unha bibliofilia lindeira no fetichismo, gustamos de facernos con exemplares inscritos cos nomes dos antigos donos, libros con notas manuscritas no medio das páxinas e outras marabillas que proporcionan un confesábel pracer ao bibliómano. Desta volta, trouxen para a casa un volume perfectamente forrado, e noutro atopeime coa filiación incompleta dunha antiga propietaria… En cantas poboacións existe unha rúa Campomanes?
Un dos primeiros libros da miña infancia, Corazón, de Edmundo de Amicis, xurdiu dun destes “rastros”; Doña Bárbara, de Rómulo Gallegos, apareceu nun mercado semanal ao que non adoitan chegar libreiros ambulantes; e teño pendentes de lectura xoias da feira como El padrino, de Mario Puzo ou La naranja mecánica, de Anthony Burgess.
Abenzoados libreiros nómades!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-10-2015 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal