Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DE COMO CHEGUEI A GORE VIDAL
Aquel libro de Gore Vidal levaba ben anos exhibindo o seu lombo rosa na miña biblioteca. Nalgunha ocasión sucumbín á tentación e tomeino nas mans. O deseño da capa non prometía unha grande obra no seu interior, o colorismo inducía a pensar nun mero entretemento, en literatura de consumo das categorías inferiores… Unha muller policía coa moca na man sobre un fondo urbano da Norteamérica opulenta e mais unha explicación do que atoparía o lector que se aventurase a entrar nas páxinas de Duluth convidaban máis a pousar cá ler.
Duluth é o título da obra que veño de coñecer. Mágoa que aquela intuición primixenia non fose corrixida polos feitos tras unha lectura que resultará intranscendente para este entregado bibliómano.
Trátase dunha edición de Plaza & Janés do ano 1984 (o autor publicara esta novela o ano anterior) na colección Gran Parada, traducida ao castelán por Adolfo Martín. Viana Fuentes é responsábel da capa.
Pracer intermitente é a sensación que este lector constatou ao rematar esta obra de dimensións importantes; non podo dicir que gozase coa lectura, que descubrise trazos, recursos ou técnicas interesantes; outórgolle o indulto a unha trama reveladora, iconoclasta e denunciante. Paga a pena achegarse a Duluth para coñecer a gran mentira americana, a burbulla de néboa autodestrutiva e cínica que mantén nunha nebulosa de pseudodemocracia e primitivismo político a millóns de poboadores, clasificados socialmente non só polo seu poder adquisitivo senón tamén pola súa orixe étnica. Mudou algo nas tres décadas que nos afastan da primeira edición de Duluth? Se cadra a única diferenza é un presidente negro que tenta falar castelán en determinadas ocasións.
Violencia e sadismo policial son unha constante nesta novela dos ’80 que ben podería reflectir a represión que vén padecendo nos últimos meses a poboación afroamericana na terra das oportunidades… Guerra sucia promovida por intereses políticos co obxectivo de criminazalizar os inmigrantes… As potentes corporacións de seguranza (FBI, CIA, DEA…) ao servizo dos axentes desestabilizadores… Institucións fomentando tensións interétnicas para evitar a aliaxe dos desfavorecidos…
É dicir, Duluth preséntanos a estratexia das ditaduras encubertas: O caos é un bo instrumento para inocular medo, e o temor garante o inmobilismo social.
Para quen moramos nas latitudes meridionais da Europa, a represión, intoxicación e posterior manipulación de movementos como o 15-M virannos á mente de xeito recorrente mentres Duluth estea diante as nosas pupilas.
Esta é parte interesante, os mecanismos que Vidal nos outorga para abrir os ollos ante a entelequia que a decadencia dos sistemas político-administrativos nos ofrecen como única solución de convivencia.
Atoparemos algunha outra cousiña de interese no medio dunha redacción caótica (como lembro sempre, estou a falar dunha tradución) e por veces –moitas!- confusa:
Algo de metaliteratura sucia –con descrición de actitudes miserábeis-, algo de surrealismo (pantasmas que se aparecen nas teleseries, extraterrestres especuladores, agoiro apocalíptico…), algo das cloacas da televisión… E unha bonitura achegada pola presenza da América francófona.
E moitas outras cousas interrompidas por uns diálogos tan prescindíbeis como imprecisos. A mestura de planos e situacións orixina unha complexidade nunca resolta polo autor.
Percíbese a deformación dun novelista que tamén era dramaturgo, mais nesta ocasión semella que está a fusionar xéneros con pouca fortuna, pois que a escrita teatral ousa penetrar nas páxinas dunha obra que dificilmente podería experimentar unha adaptación con destino á escena.
En non poucos momentos me vin asaltado polo aburrimento e o desconcerto tras esas páxinas nas que don Gore se ensarilla en diálogos imposíbeis (polo menos alén da dramaturxia) e non achega datos dabondo para que o lector non só manteña a atención, senón que poida continuar a trama cun mínimo nivel de cohesión, ou mesmo de interese.
Acho certos personaxes insuficientemente matizados ou perfilados, nomeadamente nunha novela onde o límite entre principais e secundarios non sempre se manifesta nidio. Trátase Duluth dun texto para ler dúas veces, mais non recomendo repetir a experiencia; eu polo menos non o farei, pois que non me paga a pena a perda de tempo que suporía. Non o recomendo especialmente mais estou satisfeito de ter lido este documento novelado sobre a grande alburgada ianqui.
Como decidín baixar do andel este libro de cor rosa que levaba anos insinuándose? A resposta é literatura pura!
Hai uns días, na casa dun amigo dramaturgo (con magnífica biblioteca) foime mostrado un libro deses que só atopan certos buscadores de rarezas, tratábase dunha biografía de Pepe Estruch, o director teatral nado en Alacant a comezos do século XX. Nas páxinas do devandito volume aparecía unha manchea de fotos históricas e moitos nomes, entre eles o de Gore Vidal. Pronuncieino en voz alta e afirmei que nunca lera nada deste autor, o meu amigo dramaturgo respondeu que existían obras do estadounidense con certo interese.
Estou seguro de que non se refería a Duluth.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2015 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal