Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Primeiro evento literario (contemporáneo) no Bar San Pedro
Parlamento de apertura da presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, no Bar San Pedro, en Alfoz, o 30 de xullo de 2015.

"Moitas grazas por estar hoxe aquí.
Coido que debemos comezar explicando porque se escolle o Bar San Pedro para a presentación dun libro; por certo, é a primeira vez que se celebra un acto desta caste neste local; polo menos na época actual.
Se cadra, hai sesenta ou setenta anos xa houbo algún acto literario, porque este inmóbel garda unha serie de referencias históricas que desexo comentarvos brevemente.
A historia deste local non figura en ningures, eu aprendina escoitando os veciños, e os veciños foron quen me falaron de que o Concello de Alfoz foi trasladado por un tempo a esta casa, e despois á casa do Caselo, aquí perto.
Que foi cárcere de mulleres durante a Guerra Civil, e que nela estiveron as fillas do mítico fuxido “Gardarríos”. Aínda se conserva o fachineiro polo que lles subministraban alimento ás presas dende o exterior.
E xa no plano escénico, debedes saber que neste local tiveron lugar funcións teatrais. Foi famosa a actuación dunha contorsionista fermosísima que introducía o seu corpo coma unha serpe polos ocos dunha cadeira… Estamos a falar dos anos ’40, e aconteceu que un home rico se achegou a ela cun saqueto cheo de diñeiro e máis coa intención de mercala, daquela a rapaza, con toda a súa dignidade de muller galega, arrebolou os cartos e desprezouno.
Houbo proxeccións cinematógraficas. Os que hoxe contan máis de setenta anos lembran como cando marchaban os do cine quedaban tirados por aí anacos de celuloide, fotogramas que os nenos ollaban á luz do sol descubrindo a Chaplin diminuto.
Tamén houbo baile, eu preguntei quen amenizaba a danza e respostáronme con sinxeleza: Un acordeón. Hoxe tamén temos aquí un acordeón e máis un acordeonista.
Aquí foi a escola de Aurelio Veiga até ben cumprida a década dos ‘70. Pasantía, escola do candil, escola ao cabo.
E xa chegando aos nosos días, lembremos que nos ‘80 desaparece a Feira de Correlos e xorde o Bar San Pedro. O costume nos días de feira é que as tabernas de Correlos servisen tapas de callos, o Bar San Pedro aínda cumpriu co rito nas dúas ou tres derradeiras feiras.
É nos anos ‘90 cando nace no bar a Peña Deportivista Pardo de Cela, e resulta que este colectivo garda un vínculo co Gran Sol… Mais diso non vou falar eu.
Diso falarán Xurxo e Emilio, e outros mariñeiros presentes entre o público.
Xurxo Souto, moitísimas grazas por estar connosco e por apadriñar o primeiro evento literario no Bar San Pedro.
Xurxo: Músico, actor, locutor, escritor, activista cultural e moito máis, dá a coñecer hoxe o seu traballo Contos do mar de Irlanda. Eu lino, porque xa acudín a unha presentación o mes pasado, e o tópico nesta altura sería dicir: Recoméndoo. Claro que o recomendo, mais eu matizo, esta obra debería estar nos centros de ensino, porque como dicia Castelao, “Dende a fiestra máis pequena do mundo pódese admirar a grandeza do ceo”.
O que aprendemos en Contos do mar de Irlanda é algo moi semellante, pois que grazas aos mariñeiros galegos podemos coñecer a grandeza dos mares todos, a grandeza da identidade doutros pobos, e a grandeza de sermos nós; coa nosa lingua, coa nosa cultura e co orgullo de que o noso pobo sexa coñecido e recoñecido alén mar, grazas a ese corpo diplomático dos mares e das marés.
E falando de diplomáticos… É o momento de escoitar ao diplomático por excelencia de Montealto.
Xurxo: Avante toda!"

LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2015 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal